Baixo o lema “Camiñamos xuntas pola igualdade e a dignidade na igrexa”, moitas mulleres congregáronse ante as igrexas de todo o estado español o pasado domingo, 5 de marzo, aproveitando a proximidade do Día da muller. Entre ellas, un grupo significativo reuníuse ante as portas da igrexa do Cristo da Vitoria (Coia), na cidade de Vigo.
Como lembraban no seu manifesto, xa en marzo de 2020 houbo convocatorias similares de grupos de mulleres (e homes cómprices) que se recoñecían cristiás e feministas. Aquelas mobilizacións desembocaron nunha “Revolta de mulleres na Igrexa”, movemento no que foron compartindo as súas inquedanzas e reivindicacións, a partires da diversidade e a utopía soñada en camiño cara unha Igrexa posible, máis igualitaria e máis xusta.
O domingo foron 19 cidades de todo o estado español as que celebraron esas concentracións: Barcelona, Bilbao, Burgos, Cabra, Ciutadella, Córdoba, Granada, Las Palmas de Gran Canaria, Huelva, Huesca, Logroño, Madrid, Oviedo, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Vigo, Vitoria-Gasteiz y Zaragoza.
O lema elixido para o Sínodo das mulleres 2022 fora: “Nós somos cambio. Ven a construílo”. E as súas conclusións finais máis importantes serían as seguintes:
– A necesidade de recuperar a Comunidade de Xesús de Nazaret, que leva a fortalecer a corresponsabilidade de todos os seus membros e contradí o funcionamento actual da Igrexa.
– Dar primacía aos Evanxeos, iluminados polos estudos actuais das Escrituras, para que podamos vivir como Xesús viviu e ensinou.
– Recoñecer que a Igrexa non é só o clero, senón todos os bautizados e bautizadas.
O xesto elixido o pasado domingo para expresar a súas demandas foi levar uns zapatos que deixaron antes a porta da igrexa. Querían así recoller o sentido do antigo proverbio: “Antes de xulgar a unha persoa, camiña tres lúas cos seus zapatos”. Como elas mesmas dixeron: “Queremos que todos estes zapatos representen a cada unha e a todas as mulleres que no noso camiñar imos dando pasos por conseguir unha Igrexa de iguais, unha igrexa que acolle, unha igrexa que acompaña, unha igrexa na que nos fagamos corresponsables de construír un mundo novo, de construír o Reino de Deus.”.
Na fermosa mensaxe final, lida antes do manifesto, engadían, na mesma liña:
“Con todo as mulleres camiñamos, e camiñamos xuntas para construír unha Igrexa de iguais. Con cada semente recollida do vivido por nós, deixamos constancia do noso lento pero inexorable avanzar desde abaixo, desde a nosa experiencia e entrega evanxélica.
Son os vimbios que fixeron posible que hoxe esteamos aquí, somos fillas, transmisoras e multiplicadoras, temos a responsabilidade nas nosas mans do froito dunha resistencia creativa sostida durante séculos, nos que moitas entregaron a súa vida. Somos proposta e resposta para o futuro, coidando que ningunha quede atrás, circularidade sostida sempre desde abaixo, desde onde nacen as revolucións”.
A continuación ofrecemos o Manifesto que se leu ao final do acto e algunhas imaxes e vídeos: