O xoves 2 de marzo ás 20:00, xunto á Farola de Urzáiz, a Rede Social Galicia Sur convocaba un novo Círculo de Silencio, que reuniu a varias decenas de persoas. Desta vez, ante a proximidade do 8 de marzo, o círculo quixo amosar o seu apoio as mulleres migrantes e refuxiadas, ante a súa situación de exclusión e precariedade.
Como teñen denunciado moitas organizacións e ongs, as mulleres migrantes e refuxiadas sofren unha triple discriminación, pola súa condición migrante, pola súa condición de xénero e pola súa carencia de recursos. Son numerosos os informes que documentan a vulneración dos seus dereitos, tanto nos países en tránsito como no país de “acollida”, verba esta última que, por desgraza, teremos que poñer entre aspas ata que esa acollida sexa real e conte co necesario respaldo institucional.
Aínda nesa situación, unha importante porcentaxe de mulleres migrantes e refuxiadas desempeñan traballos centrados no ámbito dos coidados, que contribúen a reforzar o tecido comunitario e son sostén de moitas persoas e familias grazas ao seu compromiso diario, dende o acompañamento, o traballo no fogar, a atención ás persoas maiores ou que sofren algunha enfermidade ou discapacidade que limita a súa mobilidade… Pero, a pesares desa contribución innegable ao coidado da vida na nosa sociedade, atópanse, como dicimos, malvivindo baixo o umbral da pobreza polo feito de non estar regularizadas, o que é caldo de cultivo para as agresións sexuais, os abusos laborais e a precariedade dos seus postos de traballo.
Por todo isto, esiximos ás administracións públicas (goberno español, Xunta de Galicia e concello de Vigo) nos seus ámbitos de competencia respectivos :
– O recoñecemento público da aportación das mulleres migrantes ao noso tecido social, co seu traballo e compromiso diario, especialmente no ámbito dos coidados.
– A protección legal ante calquera caso de explotación laboral, de xenofobia ou de violencia de xénero, con independencia da situación administrativa das mulleres migrantes e refuxiadas.- As máximas garantías para o respecto dos dereitos básicos das mulleres migrantes e refuxiadas, co compromiso de facilitar e axilizar os trámites para a súa regularización, en especial nos casos de violencia de xénero. – Facilitar saídas laborais e acceso aos servizos públicos básicos (sanidade, educación, asistencia social) das mulleres migrantes e refuxiadas, sexa cal for o estado de tramitación dos seus procesos de regularización.