Co comezo da Coresma e o primeiro aniversario do inicio da guerra na Ucraína, os grupos de iniciación e comuñón da Educación na Fe da nosa parroquia quixeron facer un fermoso xesto simbólico de compromiso coa paz e o amor fronte a todas as guerras.
Nenos e nenas, acompañados polos seus catequistas, compartiron uns minutos de silencio para interiorizar e fortalecer a esperanza de paz nos seus corazóns, e para darlle un si firme e decidido ao amor como forma de estar no mundo, de compartir a vida e de crear un futuro comunitario e solidario para todos.
Eses desexos e compromisos visualizáronse na confección dun gran corazón, acompañado dos moitos pequenos corazóns que se vencellaban a aquel, como os fillos á Nai, e tamén foi acompañado coa Biblia como texto que contén a Boa Noticia e unhas luces que representaban a esperanza contida na mensaxe de Xesús de Nazaret.
O gran corazón foi asinado por todos os nenos e nenas que son -deberían ser- para todos nós exemplo e alento para a construción dun mundo mellor, un mundo máis xusto e fraterno, un mundo posible, necesario e cada vez máis urxente.




