O xoves 12 de xaneiro ás 20:00, na Praza de América, a Rede Social Galicia Sur convocaba un novo Círculo de Silencio, desta vez, como tantas outras, en solidariedade coas persoas migrantes e refuxiadas. Quixemos expresarlles a nosa solidariedade e denunciar as trabas administrativas e sociais que atopan con frecuencia para ser recoñecidas e plenamente acollidas nos nosos barrios, entre a nosa veciñanza.
A lentitude dos procedementos administrativos e o limbo legal no que se sitúan con frecuencia estas persoas en espera de que se resolva a súa situación xéralles indefensión e serios problemas para atopar os recursos máis elementais para vivir con dignidade.
Ante estas situacións queremos poñer en valor a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) levada adiante nos últimos meses para solicitar unha regularización extraordinaria das persoas migrantes, que teñen que sobrevivir en condicións moi difíciles e que están plenamente integradas na nosa sociedade, onde desempeñan traballos esenciais. A ILP impulsada por moitas organizacións do estado español superou ampliamente as 500.000 firmas esixidas para o seu debate no Congreso dos Deputados. E agora so queda, unha vez máis, saír a rúa e alzar un grito silencioso de solidariedade e de denuncia para que a proposta de regularización extraordinaria sexa aprobada e as persoas migrantes poidan por fin ser recoñecidas como cidadáns e cidadás de pleno dereito.
As organizacións que formamos parte da Rede Social Galicia Sur apelamos tamén á cidadanía para complementar as esixencias de cambiar as regras administrativas que regulan o recoñecemento das persoas migrantes e refuxiadas. Precisamos barrios acolledores, integradores, solidarios, que loiten contra toda posible discriminación, contra todo tipo de prexuízo xenófobo. Barrios que contribúan no cotián a que as persoas refuxiadas se sintan parte da mesma veciñanza.
Porque queremos un mundo mellor, máis xusto e solidario, no que a persoas sexan o primeiro e a acollida e os coidados das persoas estranxeiras vítimas da violencia nos seus países de orixe estean por enriba de todo.