Onte comezamos cun faladoiro os actos de Celebración do 50 aniversario da parroquia do Cristo da Vitoria. No faladoiro participaron tres convidados vinculados por uns motivos ou outros á nosa comunidade: Juan Andión, Marta Souto e Rodolfo Lago.
O faladoiro estivo conducido pola nosa compañeira Gini e foi presentado por Juan, o noso párroco.
Juan Andión foi o primeiro en intervir. Axudounos a contextualizar a historia da parroquia no ámbito diocesano, aportando documentos e anécdotas que percorrían o noso pasado e que nos vinculaban as máis recentes receitas do papa Francisco para as parroquias: deben ser comunidade de comunidades e saír fóra, mancharse as mans e estar sempre coas persoas máis desfavorecidas, e sempre vinculadas ao barrio, abertas a el. Xusto o que esta parroquia sempre tomou como a súa folla de ruta ao longo dos anos…
Marta Souto ofreceunos un relato emotivo e agradecido do seu paso pola parroquia, auténtica escola de vida e de compromiso para ela. Lembrou sobre todo dous aspectos concretos: o seu vínculo co movemento veciñal “O noso barrio” e a súa experiencia como educadora na Escola de Adultos. O primeiro deulle unha vivencia inesquecible de compromiso coas necesidades das persoas máis necesitadas, de solidariedade, de reivindicación. O segundo proporcionoulle experiencias moi gratificantes de alumnas e alumnos que co seu esforzo acadaron o graduado escolar e puideron refacer a súa vida grazas aos estudios que cursaron na parroquia.
Por último, Rodolfo Lago contounos as súas vivencias dende neno, a súa educación catequética, a súa participación en organizacións xurdidas da parroquia, como o colectivo xuvenil LUAR, o grupo ecoloxista “O modaco” e a súa experiencia cos nenos e nenas como educador. Tamén agradeceu o que significou a parroquia para a súa familia, como espazo de acollida e liberación, de integración e participación. Foi un relato emocionado e emocionante, que contou coa compricidade e a simpatía de toda a comunidade.
Con este faladoiro, do que achegamos unhas imaxes e o vídeo a continuación, deron comezo os actos do noso 50 aniversario. Agardamos que nos próximos meses poidamos ofrecer máis iniciativas para reflexionar, animar(nos), celebrar e agradecer o moito compartido, o moito por compartir. Seguimos…