As compañeiras da organización de Esenciales anúnciannos que levan xa máis de cen mil firmas das 500.000 que precisan para que a ILP supere o trámite legal para ser debatida no Parlamento. Cada vez son máis organizacións e particulares as que se suman a esta iniciativa en todo o estado español. Un motivo máis de ledicia e esperanza, en medio de tantas malas noticias.
Recentemente, Esenciales difundiu un vídeo que animan a compartir onde destacan que as persoas polas que estamos a asinar son as nosas veciñas e veciños, que realizan traballos esenciais que non se detiveron durante a pandemia, traballos con frecuencia vinculados ao ámbito dos coidados, que sosteñen a vida por todas nós.
A nosa sinatura permitiralles seguir facendo o seu traballo con condicións máis dignas, con contratos legais, e tamén lles permitirá acceder aos servizos básicos (sanidade, educación, vivenda…) en condicións de igualdade. Elas fan moito por nós. Fagamos agora algo por elas. Para ser, xuntas, unha comunidade de iguais!