O vindeiro 21 de marzo, con motivo do Día Internacional Contra a Discriminación Racial, a Rede Social Galicia Sur, da que forma parte a nosa parroquia, convídanos a unirnos a un novo Círculo de Silencio (#CírculosDeSilencioVigo). Lembramos que os círculos de silencio aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo.
Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia. Nun mundo desbordado de ruídos, de sobreinformación que desinforma, de eslóganes e publicidade comercial e política, pensamos que o silencio ten un potencial revolucionario para reivindicar outros mundos posibles e necesarios.
Nesta ocasión, a Rede Social Galicia Sur volve saír á rúa para denunciar o racismo institucional e social do estado español, que obriga a moitas persoas a cruzar mares en pateras, saltar valos cheos de coitelas e vivir como cidadanía de segunda. Tamén para facer un chamado á cidadanía, a todos e todas nós, para sermos conscientes da nosa responsabilidade e para que xuntas poidamos seguir loitando por unha sociedade na que a igualdade de dereitos sexa real e non estea limitada por cuestións culturais, trazos fenotípicos ou orixe.