FUN ESTRANXEIRO E ME ACOLLESTES…

Ao longo deste curso 2018-19 queremos amosar a nosa solidariedade coa situación das persoas migrantes, desenvolvendo accións para a sensibilización, a concienciación e a denuncia.

No primeiro trimestre do curso saíremos a rúa para denunciar as políticas migratorias española e europea cun círculo de silencio que convoca a Rede Social Galiza Sur, na que participa a nosa parroquia, co apoio de numerosas organizacións e colectivos de toda Galicia. O círculo de silencio terá lugar xunto á farola de Urzáiz o mércores 17 de outubro, Día da Pobreza, entre as 20:00 e as 20:30.

Ademais, no terreo da sensibilización e a concienciación, contaremos cunha exposición de
fotografías elaborada por Entreculturas, baixo o título Somos migrantes, sobre as distintas
fronteiras que buscan impedir o acceso das persoas migrantes a unha vida digna.

Nos seguintes trimestres agardamos pechar un programa de actividades que contribúan a alentar e avivar o compromiso solidario das comunidades da parroquia e da veciñanza coas persoas migrantes ante a ola de xenofobia que parece estenderse por Europa, lembrando tempos moi sombríos…

Negámonos a permanecer indiferentes, negámonos a ser cómplices, negámonos a mirar cara outro lado. Agora máis que nunca resoan nos nosos ouvidos as verbas de Xesús de Nazaret: “Porque fun estranxeiro e me acollestes”.