Baixo o lema “Xuntas facemos banca ética”, celebramos hoxe, 29 de setembro, a Asemblea do GIT Galiza Sur de Fiare Banca Ética, no local da cooperativa Árbore en Vigo.
O encontro serviu para compartir as últimas novas do proxecto fiareiro, coñecer de primeira man o labor realizado nos últimos meses, poñer cara ás compañeiras e compañeiros que participan máis activamente… pero sobre todo para compartir impresións e dialogar sobre o presente e o futuro da nosa banca ética.
Un xantar compartido serviu de perfecto remate para unha mañá na que resolver dúbidas, despexar camiños e proxectar soños de esperanza para as finanzas éticas e a economía social na nosa contorna máis inmediata.
A Asemblea contou coa destacada implicación de persoas da nosa comunidade que ocupan postos de responsabilidade nesta demarcación territorial de Fiare (lembremos que a parroquia é socia dende os primeiros pasos do proxecto na Galiza). Asistiu un grupiño de xente comprometida coas finanzas éticas e con modelos de economía alternativa e solidaria.