Na memoria de Alexandre Bóveda

Á beira da nosa parroquia atópase o Instituto “Alexandre Bóveda” (Coia 2). Únenos con el unha magnífica relación desde a súa inauguración no ano 1972. Xusto é que no dia do aniversario do martirio de tan ilustre galego – Alexandre Bóveda- rendámoslle homenaxe con estas palabras que nos envia cada semana o noso amigo Manolo Regal:

Na memoria de Alexandre Bóveda

Alexandre Bóveda Iglesias (1903-1936) foi un egrexio político galego pertencente ao Partido Galeguista. Foi tamén un crente convencido. Cando o levantamento militar do 1936, prendérono os militares, xulgárono de forma sumaria e condenárono a morte; nunca fixera mal ningún a ninguén; simplemente amaba e servía a Galicia con paixón e moita intelixencia, como parte da súa responsabilidade cívica e relixiosa. Preparouse para a morte moi devotamente. Foi fusilado no monte da Caeira (Poio), ás aforas de Pontevedra. Foi un verdadeiro mártir, exemplar na vida, exemplar na morte, ao que incomprensiblemente desde a institución eclesial nunca se lle prestou atención ningunha. Cada 17 de agosto penso que lle debemos a nosa admiración e agradecemento.

 

Na Caeira caeron os teus osos,

a túa carne nova, vizosa,

envolta en sangue de fraticidio.

Pero non caíches ti.

 

Na Caeira caeron todas as rabias

contra a túa vida inocente,

luminosa, interpelante.

Pero non caíches ti.

 

Na Caeira caeron os ruxidos das balas

intentando calar as túas verbas acesas,

os teus soños solidarios por Galicia.

Pero non caíches ti.

 

Na Caeira caeron os cómplices silencios clericais

negándoche a comuñón substancial

que no Corpo de Cristo antes che ofreceran.

Pero non caíches ti.

 

Na Caeira caeron os teus 36 anos

exemplares na vida, exemplares na morte,

no teu corpo pequeno e maxestoso, sublime,

na túa alma nobre e soñadora, popular.

Pero non caíches ti.

 

Eternamente ti,

irmán queridiño,

amiguiño da alma,

eternamente ti.