De novo a xente do Espazo Aberto Antimilitar anímanos a facer obxección fiscal aos gastos militares coincidindo coa campaña da declaración renda. Dámoslle pulo a esta campaña e compartimos o texto que acompaña a campaña:
Exército 0.0
O proceso cara á conquista da independencia e a proclamación da República Catalá axudou a lembrarnos, grazas en gran medida ás sinceras declaracións da ministra de defensa, cal é o verdadeiro papel das Forzas Armadas; o de defender a “unidade territorial” de España.
O artigo 8 do Título Preliminar da Constitución de 1978, onde se recolle esta función, outórgalles tamén a misión de garantir a soberanía e independencia de España. Porén, non tivemos noticia da súa participación para evitar, por exemplo, a modificación do artigo 135 da Constitución, que supuña o compromiso, por escrito, da perda absoluta de soberanía en favor da Unión Europea. Nin do seu despregamento para garantir a defensa das institucións cando foron intervidas polos “homes de negro” da troika.
Pero quizais é unha boa noticia que, despois de anos de propaganda para conseguir o lavado de cara das FFAA, logo da súa profesionalización no 2001 (dende ese ano ata o 2010, o gasto en publicidade era de 10-20 millóns de euros anuais), o rei quedase por fin espido. Nin a guerra é paz, nin a liberdade escravitude.
Incremento no gasto militar
O Centre Delàs denunciou que, por primeira vez en 10 anos, o gasto militar aumentou nun 32% respecto ao 2016 (incluíndo o pagamento dos PEAS, Programas Especiais de Armamento, que o goberno non ten en conta para camuflar o gasto, e sufraga despois mediante créditos extraordinarios).
Pero o máis grave é que nos próximos 6 anos preténdese incrementar o gasto en defensa entre o 50% ou 80%, para achegarse á meta do 2% do PIB en 2024, establecida no cumio de Gales da OTAN e esixida por EEUU.
Onde se despregaron as tropas no 2017?
Ademais de nas rúas de Tarragona días antes das eleccións do 21D, o exército español participou nas seguintes misións (fonte: Utopía Contagiosa):
– Envío á fronteira Letonia-Rusia de 313 militares e 80 vehículos. Non aprobada polo Congreso. De acordo co exministro Margallo, para garantir a posición de Letonia, favorable a priori á independencia de Catalunya, a favor da defensa da unidade de España.
– 5 misións baixo mando da OTAN: adestramento de soldados en Iraq, apoio con mísiles Patriot a Turquía, grupos navais permanentes da OTAN, policía aérea no Báltico, Sea guardian e loita contra a insurxencia e reconstrución en Afganistán.
– 6 baixo mando da UE: en República Centroafricana e Somalia adestrando militares, apoio ao expansionismo francés en Malí e operacións Atlanta no Índico e Destacamento Marfil en Senegal.
– 3 baixo o mando da ONU: patrullas no Líbano, fronteira con Israel (635 efectivos, a máis numerosa), vixilancia de desarme en Colombia, apoio aéreo á RCA en Gabón.
– 4 por iniciativa propia: Golfo de Guinea (incremento da seguridade), apoio e adestramento ás FFAA de Mauritania, Senegal e Túnez.
Militarización da sociedade
Considérase que a aprobación do real decreto 194/2010 de 26 de febreiro, en que se elevou a rango de “autoridade civil” aos militares, abriu a porta á militarización da sociedade. Porén, a creación da UME (Unidade Militar de Emerxencias) xa supuxo un importante fito no despregamento do exército dentro do propio territorio fóra de épocas de guerra. O obxectivo era múltiple. Por unha banda, asegurarse o control da poboación no momento que se produce unha situación de crise que, potencialmente, podería levar a un levantamento contra o goberno e, posteriormente, poder controlar calquera investigación sobre as causas. Por outra, controlar un sector cada vez máis precarizado onde traballadores/as que se xogan a vida comezaban a esixir melloras. E, ao tempo, reforzar a falsa imaxe de exército “salvador” que se pretende crear, aínda que en Galiza, coñecendo súa actuación durante a loita contra o chapapote do Prestige, resultaría máis difícil de crer. Profundando nesta liña, o 1 de febreiro de 2017, aprobouse a creación a Escola Militar de Emerxencias, tanto para persoal militar como civil.
Pero isto non é todo na estratexia de “normalizar” a presenza do exército na sociedade. Xunto corpos armados, entran nas escolas a recrutar á poboación estudante, están presentes en salóns do ensino (con campañas en contra como Desmilitaritzem l’Educació), realizan exhibicións aéreas, como se a guerra fose un espectáculo, faise chegar incluso aos reis magos en helicópteros militares, ou realízase anualmente un concurso escolar para loar a figura do mando supremos das forzas armadas (FFAA).
Por se isto fose pouco, en decembro de 2015 asinouse un acordo (válido por 5 anos) entre os ministerios de educación e defensa, para elaborar materiais educativos e implantalos nas escolas, co obxectivo, segundo o daquela ministro Morenés, de concienciar ao alumnado de primaria e ESO sobre a “cultura da defensa”. O contido principal estaría centrado, segundo se publicou na prensa, en dar a coñecer as FFAA como fornecedoras dun servizo público esencial: “a paz”. Tamén se trataría o papel da coroa como “símbolo da unidade e permanencia do Estado” e buscaríase que o alumnado se familiarice cos “símbolos nacionais”: escudo, bandeira e himno, así como co “deber de defender España. Todo isto a maiores dos contidos xa presentes na materia de “educación para a cidadanía” da LOMCE (eldiario.es, 07/02/2018). Pero, semella, que isto non se pode considerar “adoutrinamento”.
Quizais deberiamos prestar máis atención a estes avances do militarismo na nosa sociedade, que nos achega ao modelo doutras ás que, posiblemente, non queiramos semellarnos.
—
+info na web > http://nonaogastomilitar.org