Da Asociación Irimia recibimos este comunicado sobre a XL Romaxe en Vigo:
Como xa vimos anunciando, o sábado 9 de setembro estamos convocadas as xentes irimegas para celebrarmos a nosa XL romaxe. A Romaxe será posible grazas ás facilidades que nos deron desde a asociación “Monte veciñal en mancomún de Beade”, que preside José Rodríguez Fernández.
Cantas fermosas lembranzas nos trae a nós a expresión “mancomún”! Levamos 40 anos loitando por facer posible unha Igrexa “en mancomún”, unha Galicia, en “mancomún”, unha humanidade en “mancomún”!
Imos celebrar a nosa romaxe, pois, nun contorno que, ademais da beleza paisaxística, nos fala tamén doutra beleza moi importante: a beleza comunal, a fermosura de coidar, conservar e tamén dar a coñecer os nosos montes como espazo común, como riqueza compartida.
A asociación “Monte veciñal en mancomún de Beade” forma parte da “mancomunidade de Montes de Vigo”, que ten xa un longo percorrido desde o ano 1996 como asociación. O artigo 1º dos seus estatutos marca a súa dirección: “O obxectivo fundamental desta Mancomunidade é a defensa e mellora dos montes das entidades de Vigo, nos seus aspectos económicos, sociais, ecolóxicos, culturais e de relación.” Forman un conxunto de máis de 1500 hectáreas de monte ao redor da cidade de Vigo, conformando un cinto verde cheo de vida e natureza, onde a mestura do pasado máis afastado, co máis próximo, dan como resultado lugares irrepetibles; castros, mámoas, petroglifos antigos, camiños, regatos, muíños, soutos e carballeiras listos para deleitar os nosos sentidos.
A organización está formada pola asociación dos montes veciñais de 13 parroquias do municipio de Vigo: Teis, Candeán, Cabral , Bembrive, Beade, Zamáns, Castrelos, Valladares, Matamá, San Andres de Comesaña, Coruxo, San Miguel de Oia e Saiáns.
Para a promoción dos seus obxectivos organizan actividades varias. Lembramos aquí tres principais:
– “A festa do Monte”, no propio recinto de Beade e co fin de que todos os comuneiros e veciñanza de Beade poidan gozar dunha festa ao aire libre, lonxe das tensións acumuladas durante todo o ano. A xornada comeza sobre as once da mañá, co reparto gratuíto de sardiñas e pan de millo, ata a unha da tarde, para todos aqueles que gocen da súa degustación.
– “Andaina polos montes de Vigo”: Tras anos preparando camiños e a súa sinalización, cumprindo co desexo da cidadanía de facer das montañas que circundan a cidade un lugar de esparexemento e liberación para a vida diaria, estas andainas móstranlle á cidadanía todo o espectro de posibles paseos, sendeiros e combinacións que ofrecen os montes que circundan a cidade olívica. As novidades foron no último ano a “pequerrota” e un programa para persoas de mobilidade reducida.
– “Xornadas froitos do noso monte”: Parten estas xornadas da convición de que o monte galego é moito máis que madeira. Nos últimos anos están resoando cada día con máis forza frases como “valorización integral do monte”, “xestión do monte sustentable” ou “aproveitamento multifuncional”. En definitiva, trátase de desenvolver e aproveitar as potencialidades ecolóxicas, económicas e sociais dos nosos montes dun xeito sustentable, que redunde nun beneficio para toda a sociedade.
Non hai moito, “O Trasno” da nosa revista reivindicaba o valor superior do común, do público. Velaí unha das grandes achegas dos 40 anos de romaxe: dar voz a causas tan humanas e, polo tanto, tan evanxélicas coma esta. De aí que sexa unha enorme sorte xuntarnos desta vez en Beade e que, ademais, detrás da organización da vindeira romaxe estean colectivos coñecidos na cidade olívica precisamente pola súa defensa desas mesmas causas. Velaí, a xeito de exemplo, o traballo comunitario das persoas vencelladas ao Cristo da Victoria ou a HOAC.
O sábado 9 de setembro agárdanos Beade, e, como di o texto da celebración, agárdanos “con rumores do mar de Vigo de fondo. Forza dese mar calmo unhas veces e embravecido outras que deu folgos aos seus habitantes para loitar pola felicidade da xente: tendo ese mar como modo de vida e sustento, dando ilusións de terra prometida aos emigrantes a América, aos homes e mulleres que loitaron nesta nosa era industrial pola xustiza do reparto das riquezas e por un traballo en condicións dignas”.
Agárdanos Beade para “lembrar as mulleres das conserveiras, vital no desenvolvemento desta cidade, loitando dobremente por un traballo xusto e pola súa dignidade de mulleres. Non podemos deixar de traer á nosa memoria os innomeables, a todas as mulleres prostituídas no porto de Vigo, que loitaban pola súa dignidade ou que se deixaban aldraxar porque xa non tiñan forzas para soñar outra vida posible”.
Agárdanos Beade para lembrarnos tamén de “todas e cada unha das manifestacións, concentracións, folgas, actos reivindicativos en xeral, que temos nesta cidade porque ante os problemas non podemos calar. Non esquecemos os que loitaron e loitan nas comunidades de montes pola conservación e mellora da natureza e o benestar da humanidade”.
Seica a nosa revista toma agora unhas vacacións ben merecidas para as persoas que fan posible que chegue ás nosas casas cada quince días. Á volta, cando xa andaremos pretiño do día da romaxe, informaremos polo miúdo de como acceder a Beade e dos demais detalles que deberemos ter en conta para a nosa xornada de “Andaina de Pobo e Fe”.