LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel tempo, Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar: – ¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro? Respondeulles Xesús: – Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova. ¡E ditoso quen non se escandalice de min! Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente: – ¿Que fostes ver ó deserto?: ¿unha cana abaneada polo vento? Pois logo, ¿que fostes ver?: ¿un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, ¿a que saístes?: ¿a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito: Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o teu camiño. Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.
Ata a prisión de Maqueronte onde está encerrado por Antipas, chéganlle ao Bautista noticias de Jesús. O que oe déixao desconcertado. Non responde as súas expectativas. El espera un Mesías que se impoña coa forza terrible do xuízo de Deus, salvando a quen acolleu o seu bautismo e condenando a quen o rexeite. Quen é Xesús?