Unha pregunta sobre cousas de herdades, que a Xesús lle parece impertinente, dálle pé para entrar nun tema que para el si que era realmente importante: o tema dos cartos, da riqueza, da acumulación de bens. Parécelle importante, porque ao redor diso xira o sentido da vida, o uso dos cartos, a xestión da economía, a solidariedade ou o egoísmo, a vida das familias, a construción da sociedade, as formas dunha relixiosidade auténtica; en definitiva, a felicidade das persoas, que é o que Deus, Xesús, quere para todos, todas e cada unha de nós. O tema dos cartos segue a ser un tema ben actual –en realidade a crise actual ten como base a cobiza dos cartos da que Xesús alertaba–; por iso tamén o é a ensinanza de Xesús. Iranos mellor se nos deixamos afectar, converter polas palabras, pola proposta de Xesús.