Feliz Pascua de Resurrección

A nosa comunidade celebrou un ano máis o Triduo Pascual baixo o lema escollido na asemblea preparatoria: COMPAIXON NAS FRONTEIRAS DÁ VIDA. O cartel que o anunciaba tiña unha especial referencia ao drama dos refuxiados retidos na fronteira entre Grecia e Macedonia.

O Xoves Santo tívose unha especial dedicación na celebración á compaixón nas fronteiras da vida simbolizada no compartir a mesa como facía Xesús frecuentemente e nos últimos momentos da súa vida. Nesta tarde a mesa era moi ampla. Abarcaba a mesa familiar, a mesa da comunidade parroquial, a mesa da Igrexa, a mesa de Galicia e a mesa da humanidade. Fotos, simbolos e manteis detallaban moi ben cara a quen ía dirixida a nosa compaixón na ampla mesa de mesas.

O venres santo meditamos a media mañá na oración comunitaria as palabras últimas de Xesús. Ante unha cruz de madeira cada palabra foi precedida dun cravo en distintas partes. Foi un acto sinxelo e emotivo que nos deixou un espazo precioso de oración comunitaria que nos preparou para a tarde. En efecto pola tarde tivemos a Celebración da Paixón e Morte de Xesús. Despois da lectura dialogada da sua Paixón e Morte tivemos ocasión de descubrir as cruces de hoxe colgando diversos simbolos nunha cruz de madeira na que non faltaron as concertinas como simbolo das fronteiras cara ás que dirixir a nosa compaixón. A comuñón final selou o noso compromiso con Xesús e os crucificados de hoxe.

E o sábado pola noite celebramos a Vixilia Pascual. Aclamamos a Xesús Resucitado simbolizado na luz do lume e do cirio pascual. Escoitamos o relato da primeira creación e tamén o da segunda creación: a resurrección de Xesús e a nosa. Descubrimos que como as mulleres do evanxeo nós teniamos que ir ás «galileas de hoxe» que son as fronteiras da vida. É cara a elas onde ten que dirixirse a nosa compaixón pois é alí onde nos atoparemos con Xesús Resucitado e onde recibiremos novos impulsos do Espírito recibido no bautismo. Non faltou como noutras ocasións o «canto do barrio» e a celebración da alegría pascual compartindo os típicos doces da Pascua Galega nunha animada convivencia no coro da Igrexa.

Desde esta páxina FELIZ PASCUA DE RESURRECCION A TOD@S!