A nosa comunidade estivo presente na Festa do Lume celebrada o sábado 6 de febreiro no Mosteiro de Bergondo (A Coruña). Tivo catro partes importantes, un portico e un epílogo. O portico foi o cafe e os doces para recibir aos asistentes, algúns chegados de lonxe como os de Pontevedra e Vigo. Pasadas as 10 da mañá comezou a Asemblea de «Irimia» na que se fixo revisión das actividades pasadas (economia, revista, romaxe) e se planificaron as do ano presente: Irimia segue camiñando. A continuaciòn pasamos á mesa redonda que se pensou sobre as respostas á Encíclica «Laudato se» sobre actividades en defensa da «casa común». Interveu Pablo Carro da Asociación «Vai polo río» de Pontevedra, Antón Mata da Asociación pola defensa da Ria de Pontevedra, Amaia, técnica agrícola, emprendedora dunha horta ecolóxica en Bergondo especializada en plantas aromáticas e Pablo Alvarez membro de «Nosa Enerxia Sociedade Cooperativa Galega». Coas intervencións e o coloquio chegou xa o momento do xantar compartido. Como de costume repetiuse o intercambio das viandas. E chegou a hora da culminación da xornada coa Celebración do Lume, animada por Xaquin Campo Freire. Todos nos comprometimos á «purificación» das manchas que temos da sociedade corrupta e decidímonos unha vez máis a ser testemuñas da luz de Xesús desde os nosos ambientes. Ao final veu o epílogo; sorprendeunos «Bea a de Estrela» cun precioso recital das súas últimas creacións. E voltamos aos nosos lugares coa esperanza ben alta.