INVITACIÓN A FESTA DO LUME EN BERGONDO

Chéganos da derradeira «Irimia» a seguinte invitación á Festa do Lume o sábado 6 de Febreiro no Mosteiro de Bergondo:

Ademais de ser a Asemblea anual de socios e socias da Asociación Irimia, é o noso encontro de inverno,  a nosa “Festa do Lume”, como a bautizou Pepe Chao. Precisamente para celebrarmos que nese tempo, arredor da Candeloria, a luz vai vencendo a escuridade, a natureza comeza a espertar e casan os paxariños.

E na natureza, neste país verde e neste planeta azul, queremos centrar o noso encontro. Hai dous anos convidamos iniciativas creativas que afrontaban as consecuencias da crise financeira con imaxinación, cooperación e unha visión alternativa da produción, do intercambio e do consumo. O pasado ano a nosa mesa de experiencias facía homenaxe a iniciativas sociais e culturais de base que inzan o noso territorio. E agora para o 2016 queremos poñer o acento na defensa ecolóxica do territorio.

Francisco publicou recentemente a Laudato si, co fermosísimo subtítulo de “O coidado da Casa Común”,  e aí maniféstase a vinculación entre o deterioro ecolóxico e os modelos acelerados e depredadores de produción e consumo, un deterioro que afecta de maneira directa e especial os máis vulnerables. Por outra parte, o Cumio de París sobre o cambio climático rematou cun compromiso morno e insuficiente. Neste contexto de preocupación compartida e ben actual, preguntámonos: que está pasando en Galicia? Como se está librando aquí a batalla polo futuro do noso equilibrio natural? Onde e de quen podemos aprender e re-animar a nosa propia coherencia e militancia?

Alí nos vemos! Anotade na axenda e esmerádevos coas tortillas e os biscoitos!!!!

Horario:

9:30 Café

10:00 Asemblea de socios/as de Irimia

12:00 Mesa redonda de experiencias galegas de defensa da natureza e do territorio

14:30 Xantar compartido

16:30 Celebración da Candeloria