Durante a tarde de celebración do tradicional magosto, entre outras moitas actividades, aproveitamos a xornada festiva para lembrarnos a necesidade de comprometernos cunha economía alternativa, colaborativa, solidaria. E, para que iso non se quedase so na teoría recorremos, como noutras ocasións, a unha mesa de troco na que todos e todas puidemos participar dun consumo máis responsable… e transformador.
Desta volta, a mesa de troco estivo acompañada por uns cartaces elaborados polos rapaces da catequese, que axudaron así a darnos algunhas pistas sobre o sentido desta actividade: “Compartir máis para vivir mellor”, “¿Consumes ou te consumen?”, “ConSuma Dignidade”, “Trae o que non uses, leva o que precises”. E, tamén grazas á complicidade dos máis novos e das súas familias, a mesa de troco estivo maioritariamente adicada aos máis variados xoguetes. A rapazada dinamizou así a nosa mesa de troco con naturalidade e ledicia, amosándonos deste modo, co seu exemplo, como compartir e ser solidarios os uns cos outros…