O Foro Galego de Inmigración, xunto coa Oficina de Dereitos Sociais de Coia e máis o Grupo de Axitación Social (GAS), convocamos un acto público, con rolda de prensa previa o martes día 11 de novembro a partires das 11:00 diante da Delegación da Xunta de Galiza en Vigo (r/Concepción Areal 8) para denunciar a intolerable discriminación que sofren ás persoas migrantes comunitarias no acceso ás prestacións sociais da Xunta de Galiza.
O acto incluirá unha concentración de colectivos sociais aberta ao conxunto da cidadanía, e a lectura dun comunicado conxunto.
O Foro Galego de Inmigración e os colectivos vigueses que convocamos este acto e promovemos o comunicado que se lerá de forma pública no mesmo, levamos tempo denunciando as restricións e as vulneracións de dereitos ás que están sometidas as persoas migrantes, que van moito mais alá das actuacións que de cando en vez saltan á primeira plana dos medios de comunicación. No labirinto institucional e burocrático tamén atopamos múltiplas fronteiras e altas doses de racismo e xenofobia.
Como exemplo destas fronteiras interiores temos as restricións que se impoñen ás persoas migrantes á hora de acceder ás prestacións sociais -dereito que segue negado aquelas que carecen de documentación e se atopan en situación de máxima vulnerabilidade-, situación que non só non mudou coa aprobación da Lei de Inclusión Social de Galicia senón que estamos a identificar novos atrancos.
En concreto temos detectadas bastantes situacións en Vigo na que persoas migrantes comunitarias residentes na cidade, ás veces dende hai moito tempo e normalmente de nacionalidade portuguesa, non poden acceder a RISGA (Renda de Inserción Social de Galicia) coa xustificación de non seren considerado residentes, pola normativa que establece a Lexislación Europea e Española de Estranxeiría, cando en realidade son persoas que cumpren o requisito de tempo de empadroamento que establece a norma para poder acceder a estas prestacións.
Temos así por unha banda un elemento claramente discriminador na medida que o documento que xustifica o tempo de residencia na cidade é o certificado de empadroamento e nestes casos esíxelles, a maiores, a inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros, Rexistro que non é obrigatorio para residir legalmente segundo establece a propia normativa de estranxeiría. E temos, por outra banda, unha fonda inxustiza xa que a inscrición nese Rexistro esixe a xustificación de ingresos suficientes para residir no territorio español. Así polo feito de non ter ingresos non poden acceder a ese Rexistro, e polo feito de non poder acceder a ese Rexistro non teñen dereito á prestación social específica para as persoas en situación de pobreza e exclusión social. Quedan así excluídas xusto as persoas migrantes que máis o precisan.
Concentrámonos o martes día 11 de novembro en Vigo, en definitiva para cuestionar unha lexislación que resulta contraria aos principios recollidos na propia Lei de Dereitos Sociais, e na Constitución do Estado, que recolle a obriga da administración e dos poderes públicos de garantir o benestar de todas as persoas, sen ningunha distinción. Por iso, denunciamos estes feitos e a trama de mecanismos institucionais que funcionan como fronteiras interiores ao promover a exclusión dunha parte da comunidade no aceso á dereitos fundamentais. Os dereitos sociais son un ben común e por iso mesmo reclamamos:
Ningunha persoa sen dereitos! Nin fronteiras exteriores, nin fronteiras burocráticas