Crónica da concentración: Menos golf, máis solucións! Axudas sociais dignas, non esmolas!

Esta mañá varias ducias de persoas concentráronse ante o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) para denunciar a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan á unha cidadanía cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.

Baixo o lema: Menos golf, máis solucións! Axudas sociais dignas, non esmolas!, esixiron que os presupostos se centren dun xeito prioritario en dar unha resposta xusta e inmediata á situación de emerxencia social que padecen cada vez un número maior de galegos e galegas, en lugar de ser malgastado en proxectos que nada teñen que ver coas necesidades reais e fundamentais de todas as persoas.

Neste sentido, lembraron que as políticas sociais da Xunta de Galicia resultan totalmente insuficientes e, en oposición á RISGA (escasa en canto orzamento e contías, de difícil acceso e con prazos de resolución intolerablemente longos…), esixiron a Renda Básica como un instrumento eficaz de redistribución da riqueza e de xustiza social.

Achegamos o manifesto e varias fotografías do acto:

Unha vez máis saímos á rúa convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) para denunciar a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan á unha cidadanía cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.

Desta vez concentrámonos diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo baixo o lema Menos golf, máis solucións! Axudas sociais dignas, non esmolas!

“Non hai cartos”, din os políticos. “Non hai cartos”, escoitamos unha e outra vez cando, dende unha situación insostible de precariedade e falta de ingresos, nos achegamos ás administracións para esixir uns recursos económicos que nos permitan afrontar os gastos fundamentais do día a día. Non hai cartos, en fin, para garantir o noso dereito a vivir: a comer e dar de comer ás nosas familias, a afrontar o pago do aluguer ou dos recibos da auga, da luz, do gas…

Pero si hai cartos nas contas dos ultra-ricos que continúan a acumular a riqueza de toda a cidadanía nos seus petos; e xa sabemos que si hai cartos públicos a mans cheas para o rescate á banca e para infinidade de inversións e proxectos que nada teñen que ver coas necesidades reais e fundamentais de todas as persoas.

Todos os días temos que ler na prensa titulares que nos lembran, por exemplo, que España é, de lonxe, o país da OCDE onde máis aumentaron as desigualdades económicas entre ricos e pobres coa crise; ou que o número de españois cun patrimonio neto ultra alto aumentou en 2013 ata as 1625 persoas; ou que, en relación co rescate bancario, o Estado da por perdidos 36.000 millóns de euros…

E no que atinxe directamente á Xunta de Galicia, á que hoxe nos diriximos para esixir “axudas sociais dignas, non esmolas!”, non faltan tampouco exemplos significativos.

Fronte aos números terribles da pobreza na nosa comunidade (281.000 persoas no paro, 93.000 fogares con todos os seus membros sen traballo, 33.000 familias sen ningún tipo de prestación, ou, en definitiva, máis de 650.000 persoas que viven por baixo do limiar da pobreza), resulta ferinte comprobar tanto gasto público irresponsable: non só o anecdótico dos case 16000 euros para subvencionar carriños de golf a dous clubs galegos, que nos deu a idea para o lema e a posta en escena deste acto de denuncia pública, senón tamén, por exemplo, os 400 millóns de euros que custou a Cidade da Cultura, que tivo no 2013 un custo de mantemento duns 3’6 millóns de euros; ou os gastos da Xunta en propaganda: dende o 1.160.000 euros nunha soa semana do pasado mes de xullo en dúas campañas publicitarias ata os 25 millóns de euros (máis de 40 millóns se incluímos a propaganda do Xacobeo) gastados nese concepto dende a chegada de Feijóo ao goberno.

Así, mentres a Xunta malgasta os nosos cartos, un número cada vez maior de galegas e galegos malviven sen apenas recursos no medio da riqueza dunha minoría e dando de fronte contra unhas políticas sociais que son pura esmola ou caridade.

A RISGA é un triste exemplo disto que denunciamos: orzamentos totalmente insuficientes, contías ridículas que nos condenan a subsistir moi por debaixo do limiar da pobreza, incompatibilidades absurdas, prazos de resolución longuísimos (moito máis alá do que establece a lei) e intolerables   no medio dunha situación de verdadeira emerxencia social…

Entre nós están hoxe aquí persoas que levan meses e meses agardando por que lles sexa concedida a RISGA á que teñen dereito, ou que, mesmo téndoa xa concedida, non están aínda a cobrala na súa totalidade pola mesma escusa de sempre: “non hai cartos”…; tamén outras persoas, adultas e independizadas, ás que se lle negou o dereito a percibila por razóns tan inxustas como que os seus pais teñen unha pensión; e, por suposto, moitas outras perceptoras da RISGA, que experimentan día a día a terrible angustia de ter que vivir con menos de 400 euros ao mes.

Por todo isto, dirixímonos hoxe á Xunta de Galicia para esixir que cumpra coa súa obriga de garantir unha vida digna para todas as galegas e galegos a través dun aumento significativo do investimento social nos orzamentos.

Por todo isto, dirixímonos hoxe a Alberto Núñez Feijóo, como responsable último das políticas sociais autonómicas, para esixirlle axudas sociais dignas, non esmolas!

Cando falamos de axudas sociais dignas, non nos referimos á RISGA (nin á vella, nin a da nova Lei de inclusión), unha axuda raquítica, inxusta e que nos condena a seguir a malvivir no medio da pobreza e da exclusión. Referímonos a novos instrumentos que supoñan unha verdadeira redistribución da riqueza que nos permita vivir con dignidade. Referímonos á Renda Básica, que supón que cada persoa ten dereito a recibir os recursos económicos suficientes para facer fronte ás súas necesidades fundamentais, e que, en oposición á RISGA, é un dereito universal, individual e  incondicional.

Por todo isto, berramos hoxe:

Axudas sociais dignas, non esmolas!

Contra a exclusión, redistribución!

Renda Básica das iguais, XA!

Vigo, 26 de marzo de 2014

Algunhas imaxes da concentración: www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157642948541445

Un comentario

  1. Thanks for any other wonderful post. Where else may just anybody get that type of info in such a perfect approach of writing? I’ve a presentation next week, and I am on the search for such info.

Los comentarios están cerrados.