Unha cadea humana da unha aperta ao local de Sereos pola súa reapertura

Onte a nosa cidade volveu a acoller unha nova mobilización da cidadanía polos dereitos das persoas máis empobrecidas. A razón: a esixencia da reapertura inmediata do local que o programa Sereos tiña na rúa Elduayen 11.

O fixemos primeiro cunha concentración diante do concello para logo baixar en manifestación ata o local. Alí unha cadea humana deu unha gran aperta ao local pola súa reapertura.

A continuación achegamos o manifesto lido na porta do local da rúa Elduayen:

Acto sociocomunitario de Orgullo Sereos do Casco Vello

Xuntámonos hoxe aquí neste entrañable espazo de encontro e socialización comunitaria de inclusión social, Elduayen nº 11, onde se viña levando a cabo o Programa Sereos do Casco Vello ate o 1 de agosto. Este Programa foi un sono consensuado fai 16 anos dentro do Plan comunitario do Casco Vello, no que participaron as organizacións de barrio, veciñais, académicas, relixiosas e institucións públicas.

O programa naceu do consenso e a necesidade, como instrumento de saúde e convivencia en zonas quentes do Casco Vello. Naceu neste barrio porque a observación e a diagnose indicaron que tiñamos que pasar a acción e tiña que ser no corazón do barrio porque era aquí onde estaba a poboación diana á que nos queriamos dirixir.

O nome de Sereos naceu da reflexión sobre o Sireno da Porta do Sol que socialmente foi rexeitado por sectores da veciñanza viguesa.

O Sireno que flota a gran altura puxémoslle pernas e baixámolo cos pes á terra, colocándoo no vértice de entrada ao Casco Vello como amosa o anagrama do programa, unhas casiñas e un sol, sol ao que cantamos na festa dramatizada dos Maios do Casco Vello:

Aí ven o maio
Orzamentos despilfarro
Aí ven o maio
A Xustiza revindicando

Aí ven o maio
De petar no corazón
Aí ven o maio
De pedir a integración

Aí ven o maio
O sol alumeando
Aí ven o maio
A vida recreando

Maio, Maio
Do sol da conciencia
Lazo vermello
Maio solidario

A avaliación continua do traballo de campo no barrio aportounos os datos que extraemos da memoria do curso 2008-2009, último dos 12 anos que o programa de autoaxuda Imán-Cedro coordinamos o traballo de campo:

Nº de usuarios totais no programa……633

Media de asistencia diaria : 305 persoas no programa de complementos alimenticios, almorzos e merendas.

Número de intervencións grupais cos usuarios…….281, nos obradoiros: “Asemblea permanente de persoas sen teito”, “Faladoiro alcoholismo na pobreza severa”, “Sexo mais seguro en persoas que exercen a prostitución”, “Autocontrol, habilidades sociais, nos conflitos e tensións”.

Nº de persoas derivadas con acompañamento pola traballadora social a centros asistenciais de drogodependencias, consultas en atención primaria, equipos de orientación laboral, unidades de asistencia social…………..687.

Número total de intervencións con veciños do Casco Vello para dar a coñecer o programa de Sere@s e dialogar sobre as súas inquedanzas con respecto a presenza no barrio da poboación en exclusión………..23.

No desenvolvemento do  PROGRAMA DE REDUCCIÓN DO DANO e PREVENCIÓN DE ENFERMIDADES INFECTO CONTAXIOSAS:

O nº de xiringas usadas recibidas e recicladas foi de ——–14.680

De xiringas novas entregadas————————————– 17.196

E de xiringas  recollidas polos chutadeiros———————–323

Entrega informada de preservativos: ———-22.429.

Estes datos amosan que este programa non so fixo dano ao Casco Vello, senón mais ben axudou decididamente nas melloras obxectivos acadados hoxe no barrio, polo tanto sentímonos tan importantes e necesarios como a Asociación veciñal e cultural do Casco Vello e dos comerciantes Vigo Vello.

Solicitamos que non se de un portazo a este eficaz programa de inclusión social Sereos do Casco Vello; que todas e todos poidamos convivir neste fermoso, entrañable e mellorado barrio sen exclusións, intolerancias, rexeitamentos, estigmatizacións, aporofobia.

Que o programa reabra as súas portas mentres se consensua unha nova ubicación para a que quedan 21 días según o acordo plenario da corporación municipal do pasado martes, día 10 de setembro.

Declaramos hoxe, 12 de setembro de 2013, en Elduayen nº 11, da cidade de Vigo, o Orgullo Sereos do Casco Vello,…..Orgullo: “sentimento elevado da propia dignidade”