Achegamos un artigo publicado en Praza Pública sobre o proxecto de banca ética Fiare:
Fiare está a piques de se converter nunha entidade de banca ética. Faltan algúns meses para que se completen todos os trámites, que depende da aprobación do Banco de Italia, pois Fiare operará a través de Banca Popolare Etica, que en maio en Florencia aprobará a integración das dúas entidades. Fiare ofrecerá unha alternativa moi agardada por milleiros de persoas en Galicia, defraudados coas prácticas da banda tradicional, ou que queren unha entidade que cumpra todas as función básicas da banca -depósitos, domiciliacións, transferencias, pago con tarxeta-, pero coa máxima transparencia e coa seguridade de que os seus cartos non alimentarán procesos especulativos ou servirán para financiar proxectos escasamente éticos. Non só iso, o capital que xa manexa e manexará Fiare serve para financiar cada ano máis dun cento de proxectos ligados á economía social, á agricultura ecolóxica, á cooperación ou á actividade produtiva de cooperativas.
Porque Fiare leva anos funcionando como cooperativa de crédito, un servizo que nos últimos anos foi de grande axuda para moitas cooperativas ou pequenas empresas e particulares. Esta necesidade púxose claramente de manifesto nestes últimos tempos, nos que o acceso ao crédito de moitas persoas e organizacións se viu severamente restrinxido e no que o número de solicitudes de financiamento que recibiu Fiare aumentou moi significativamente.
Os principais ámbitos de actuación de Fiare son proxectos vinculados á transformación no campo dos valores e a educación, a inserción social e laboral das persoas, a agroecoloxía e o comercio xusto e a cooperación norte-sur. Dende que en 2005 comezou a ofrecer créditos o volume de capital achegado a este tipo de proxectos de economía social -cunha achega máxima de tres millóns de euros por proxecto- non deixou de crecer. A pesar da crise económica, o crédito total aprobado pasou de 19,5 millóns de euros a finais de 2010 a máis de 27,5 a finais de 2011 e superou os 32 millóns en 2012. A meirande parte do crédito concentrouse en Euskadi e Catalunya, as zonas nas que Fiare ten unha maior implantación.
—
O artigo completo neste enlace: http://praza.com/economia/3975/dez-cousas-que-deberias-saber-sobre-fiare/