Se nos fixamos moito nos números veremos borrosas as persoas
Quen controla o que comemos?
Na nosa sociedade, tan democrática e vangardista, é preocupante a concentración de poder corporativo sobre os dereitos básicos das persoas, entre eles o da alimentación. Un control cada vez máis agresivo coas sociedades e o medio, que exercen de xeito crecente as grandes empresas de distribución alimentaria, afectando tanto as persoas produtoras como as persoas consumidoras.
Existen millóns de consumidoras fronte a uns miles de produtoras, e a súa relación está controlada por unhas poucas empresas. A nivel europeo, como exemplo concreto, contabilízanse uns 160 millóns de consumidoras nun extremo da cadea e no outro uns 3 millóns de produtoras; atopando no medio tan só 110 centrais e grupos de compra que deciden as relacións entre ambas.
No Estado Español o primeiro supermercado apareceu no ano 1957. En poucas décadas os pequenos comercios e tendas de barrio desapareceron e na actualidade 4 de cada 5 persoas compra os seus alimentos nalgunha das grandes cadeas de alimentación. A isto hai que engadir a concentración da distribución alimentaria, atopándose o 75% das ventas en tan só 5 empresas e 2 centrais de compras. A día de hoxe, a gran distribución concentra o 60% do valor de beneficio monetario que xera toda a cadea agroalimentaria, sendo a todas luces unha situación inxusta e desequilibrada.
Estamos mergullados constantemente en ofertas publicitarias non desexadas, e na vez de tentar nadar para poñernos en terra firme, afogamos impasibles aos seus encantos. As grandes multinacionais aproveitan o noso consumismo impulsivo para facernos crer que somos nós quen eliximos o que mercamos, cando na realidade nunca estivemos tan controlados e tivemos tan poucas opcións de elixir.
Polo mesmo terremoto que asolaga as persoas consumidoras, as persoas labregas vense inmersas nun tsunami do que dificilmente poden escapar. O prezo do que producen está imposto polas grandes distribuidoras e este multiplícase ata por sete desde a orixe ata o destino. Esta especulación sobre o sector primario provoca a expulsión do rural ao obrigar aos produtores a producir por debaixo de custos. A súa expresión en Europa comporta que cada tres minutos desapareza unha explotación agraria.
Ao mesmo tempo, existindo a posibilidade de producir alimentos para todo o mundo, unha gran parte da poboación está a morrer, literalmente, de fame nunha crise alimentar sen precedentes. Pola contra nos países enriquecidos, unha porcentaxe media do 20% da comida mercada por unha familia desaprovéitase e tírase ao lixo. En Europa e EEUU, gástase máis en alimentación para mascotas (17.000 millóns de euros) que na alimentación e nutrición básicas (13.000 millóns de euros); máis en xeados (11.000 millóns de euros) que en ensinanza básica para todas as persoas (6.000 millóns de euros).
A fame segue crecendo desde os anos sesenta a pesar de que a produción de alimentos se triplicou desde entón. Comida hai en abundancia, así que o problema non é a produción senón o acceso e o reparto. Polo tanto a fórmula das últimas décadas de superprodución, libre comercio e subvencións á exportación non funciona para evitar o reparto inxusto da torta dos recursos e si para aumentar os beneficios dunhas poucas empresas.
E nós que podemos facer?
Temos moita información sobre o cousas que non nos afectan, pero moi pouca sobre cuestións básicas que deberíamos coñecer: de onde ven a carne que estou comendo? quen fabricou o queixo que teño na casa? a quen van parar os beneficios do que estou mercando? que efectos ambientais e sociais xerou a comida que teño na man? con que materiais está feito? que proceso produtivo se empregou na súa elaboración? en que condicións foi feito? que tipo de residuos deixa?
Os nosos hábitos alimentarios, sufriron nos últimos anos, unha profunda transformación; non desexada en moitos casos. Para recuperar a nosa propia dignidade como persoas e a xustiza nas relacións humanas, é necesario facer un forte cambio na nosa forma de consumir, especialmente no referente aos alimentos.
Un Consumo Crítico Alimentario é aquel que se pregunta polas condicións sociais e ecolóxicas nas que foi elaborado un alimento. É unha actitude diaria que consiste en elixir de xeito meticuloso o que comemos sobre a base de dous criterios: a historia do alimento e a conduta da empresa produtora, sinalándolle ao sistema os métodos produtivos e comerciais que aprobamos e os que condenamos.
Parar conseguir que as persoas labregas poidan vivir dignamente cultivando produtos de calidade ligados á súa realidade social, ecolóxica e cultural, necesitamos uns mercados locais viables en base a uns hábitos de consumo que o fagan posible. Fai falta un cambio, por tanto, no noso modelo de consumo e de distribución que principalmente significa adoptar formas de consumo xusto, local e responsable.
En esencia o consumo responsable é unha reflexión colectiva sobre a nosa propia actividade que procura a transformación das relacións comerciais coa busca dunha sociedade máis xusta e equitativa. Nesta liña, é necesario volver a recuperar o significado de producir alimentos, xa que aínda que pareza imposible a leite non nace do tetrabrick e os tomates non crecen nas bandexas do hipermercado.
Como persoas consumidoras, podemos e debemos impoñer as regras do comercio que queremos. Pero isto implica tamén renunciar a algúns privilexios adquiridos a costa do sufrimento alleo. Estamos dispostos e dispostas a facelo?
En definitiva, o actual modelo de alimentación deixa as persosas no segundo plano e os intereses económicos prevalecen sobre os sociais. Para evitar esta situación é necesaria unha reflexión sobre a nosa forma de comer e procurar que a torta dos recursos teña un reparto máis xusto e equitativo.
—
Fonte: http://tripandoterrons.prazapublica.com/post/38309480604/reflexions-para-a-cea-de-nadal
F*ckin’ awesome things here. I’m very satisfied to see your post. Thank you so much and i’m taking a look forward to contact you. Will you please drop me a e-mail?