Achegamos o comentario que fixo Manuel Regal Ledo do evanxeo deste domingo
Estamos ante un relato que, máis alá da súa historicidade ou non historicidade, se nos ofrece coma unha parábola en acción do que pode dar de si un encontro vital de cada un de nós con Xesús. É algo que podemos realizar cada un de nós con Xesús. É algo que a comunidade cristiá da que formamos parte pode realzar tamén, e estaría ben que así o fixésemos.
Bar-Timeo, o fillo de Timeo, representa perfectamente a realidade de cada ser humano, de cada un, cada unha de nós, de cada comunidade cristiá: cego pobre de pedir a carón do camiño. Non é malo, ao revés, saberse, sentirse, vivirse coma cego pobre de pedir a carón do camiño. Coa man sempre estesa, co corazón sempre aberto, coa mente sempre dispoñible para acoller, cambiar e medrar. Cos ollos ansiosos de ver a luz, de descubrir tantas marabillas que nos rodean, sen nós caer na conta. E iso aínda que nos chufemos moito e pretendamos andar de sobrados pola vida. Pobre de quen é rico! Pobre de quen vai de sobrado/a! Pobre de quen o entende todo, o sabe todo, o coñece todo!
Despois, claro –tamén é certo–, hai entre nós pobres elementais, aos que a vida e os sistemas sociais que construímos as persoas lles restan o máis elemental para vivir: o anaco de pan co que manterse, o posto de traballo co que levar pan e dignidade ao corpo e ao espírito de cada un e da familia da que un forma parte. Esta pobreza non é boa. É froito de sistemas inxustos ou de configuracións persoais carentes tamén de recursos primarios.
Xesús –que curioso!— sempre en contacto con estas pobrezas, sempre pasando por onde esas pobrezas se dan. E así é que, aínda que alguén pretende acalar a voz, os berros, do pobre cego de pedir chegan aos seus oídos. E empeza unha relación viva, unha pregaria en acción, a historia dun encontro que ten un recorrido de aparencia sinxela, pero que acaba sendo fondo, estremecedor. Ben que nos poñamos na vida de cego de pedir, ben que asumamos o papel de seguidores ou seguidoras de Xesús para imitalo en algo, é de capital importancia este cruce de camiños, estes encontros. Nunca se dan, case nunca, desde os despachos, desde os salóns, nin sequera desde as mesmas igrexas. Danse normalmente na rúa, na praza pública, na manifestación, no encontro de pais, no lugar menos imaxinable. Importancia de andar cos ollos, cos oídos, co corazón ben aberto.
O cego pobre de pedir, expresión de todas as pobrezas habidas e por haber, solidario con elas, achégase a Xesús, con ilusión, axilmente; os brincos do corpo expresan a ilusión vital que o envolve, a súa esperanza forte, a súa fe. Vai aberto absolutamente a Xesús, e a todo o que pode estar representado por Xesús: o mellor, o máis san, o máis xusto que na vida uns e outros e outras nos podemos ir ofrecendo e dando.
Xesús é o ser totalmente dispoñible, para o cego de pedir, para todos e todas nós: que queres que che faga? Xesús é o símbolo tamén dunha actitude realmente solidaria ante os cegos de pedir de a carón do camiño da vida: que podo eu, que podemos nós, que pode a miña comunidade facer por ti? Que podemos facer nós, a nosa comunidade cristiá nesta circunstancias de crise nas que estamos e polas que tantos veciños/as nosas o están pasando tan mal? Que podemos facer nós por persoas e pobos do sur, que de sempre andaron na crise que agora un chisco nos toca a nós?
O mellor resultado que se pode dar do noso encontro de cegos de pedir con Xesús é, desde logo, que se nos abran os ollos, que a vida colla outras cores para nós, que nos decatemos do precioso mundo da solidariedade que Xesús representa, e que con el nos embarquemos na aventura preciosa de facer que a vida sexa risoña para tantas persoas que con amargura seguen quedando a carón do camiño. E de ser xente necesitada de curación e curada, por iso mesmo, agradecidos/as, pasar a ser persoas entregadas á causa da fraternidade real. Pode haber felicidade maior, alegría máis grande? A este pracer nos invita Xesús.
—
Fonte: http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2012/10/28-de-outubro-domingo-xxx-do-tempo.html#more
Hey there! I know this is kinda off topic however , I’d figured I’d ask. Would you be interested in trading links or maybe guest writing a blog post or vice-versa? My website covers a lot of the same subjects as yours and I think we could greatly benefit from each other. If you’re interested feel free to shoot me an email. I look forward to hearing from you! Great blog by the way!