Uns cantos miles de persoas reunímonos na Veiga do Olmo (Castroverde – Lugo) para celebrar a XXXV Romaxe de Crentes Galegos. Da nosa comunidade do Cristo da Victoria estivemos presentes alí un bo grupo de romeiros que como sempre fomos en bus e en coches particulares.
Tras un bocadiño de pan con chourizo, como agasallo de benvida, e unha busqueda dun lugar axeitado para deixar as nosas cousas e situarnos no xantar, acudimos á carpa para celebrar a fe. A celebración xirou en torno ao lema do Romaxe («Seguimos facendo camiño») e como sempre foi animado polo conxunto «A Quenlla»…Era o terceiro romaxe dedicado ao “camiño de Santiago”. O primeiro foi no Camiño Portugués (Monte do Viso-Lobeira-Ourense); o segundo no “Camiño Francés” (Vilar de Donas- Lugo); o terceiro no «Camiño Primitivo», o camiño de Oviedo a Santiago.
Tras unha primeira parte dedicada a afondar no lugar que nos acollia, chegou a segunda dedicada a facer presente ao camiñante Xesús que nos acompaña e alimenta no camiño. Manolo Regal, que nos regalou o seu precioso libro sobre Xesús («Xesús, aquel home de aldea») foi o encargado de representar no medio de nós ó Xesús camiñante, que compartiu connosco o pan que traia na súa mochila e nos invitou a todos a compartir tamén os nosos pans. Non faltou o baile da rumboia nin os cantos do pai noso e do magníficat irimego.
A terceira parte titulábase “a lenda do reino do amor”. Foi unha escenificación dun conto feita por un grupo de teatro na que os protagonistas eran camiñantes en busca do Amor… Verdadeiro obxectivo dos camiñantes de todos os tempos. Ao final entoamos o credo galego como un acto de fe e unha homenaxe a Bernardo, o seu creador, que hai algúns meses nos deixou para ir á casa de Deus, Corazón do Ceo e da Terra. Rematamos co “berro seco” e coa entrega do ramo ós organizadores da próxima romaxe que será na Magdalena (Carballiño – Ourense) o 14 de Setembro de 2013.
Despois dunha comida compartida na preciosa carballeira da Veiga, gozamos dunha representación teatral e dun concerto a cargo dun grupo musical local («Zuncurrundullo»). A oración final no lugar onde pasamos o dia intentou reflectir o vivido durante a xornada. Un ano mais chegamos cansados pero contentos de ter compartido a fe e a vida con tantas comunidades cristianas da nos aterra galega.