Carta de Manolo Regal a Andrés Torres Queiruga

Deixamosa carta que Manolo Regal Ledo mandou en sinal de apoio a Torres Queiruga tras ser notificado pola conferencia episcopal.

A carta foi publicada nesta web escoladeespiritualidade.blogspot.com e así a introducen:

«O día 30 de marzo tivemos información da Notificación da Comisión Episcopal da Doutrina da Fe da Conferencia Espiscopal Española, na que se advertía que na teoloxía de Andrés Torres Queiruga certos elementos da fe da Igrexa quedaban distorsionados, e invitábaselle a revisar a súa teoloxía para facela máis acorde coa doutrina oficial da Igrexa.

Desde ese momento foron moitos as manifestacións de apoio a Torres Queiruga e ao seu traballo teolóxico serio e creador e, polo tanto, tamén fronteirizo. Supoñemos que os lectores e lectoras deste Blogue estarán ao tanto destas circunstancias. Ofrecemos aquí unha carta persoal de apoio que Manolo Regal Ledo escribiu a Andrés Torres Queiruga.»

Querido Andrés,

Desde que souben da Notificacións da Comisión Episcopal da Doutrina da Fe, non dei quitado o teu nome, a túa persoa, a túa tarefa, da cabeza, do recordo, do corazón. Pensaba que tiña que facer algo, pero non sabía que facer, e ao final decidinme a escribirche esta carta, na que, seguro, aínda que intente o contrario, vou estar condicionado pola vella e cordial amizade e pola admiración que sinto por ti e polo teu traballo, do que tanto me teño beneficiado para a miña fe e a miña práctica cristiá.

Pareceume providencial que a Notificación che chegase en vésperas da Semana Santa, porque o marco da paixón de Xesús coas súas razóns fondas e a súa apertura explícita cara á resurrección, pareceume o mellor espazo interpretativo para poder encaixar e vivir este acontecemento. Somos seguidores dun “disidente”, que por amor en disidencia acabou en cruz, e  non nos cabe esperar que a quen o siga lle aconteza cousa menor ou diferente do que lle tocou a el mesmo. Non quero empuxarte a que te fagas a vítima, senón a que insiras a túa cruz na cruz de Xesús, como lugar e camiño de resurrección. Rezo insistentemente para que así sexa.

Dáme pena que na Igrexa, coa que está caendo enriba do noso pobo, co grave problema de presente e de futuro que temos nas mans, nos dediquemos a romper palabras e corazóns debatendo sobre cousas ao redor das cales sobraba debate, como non fose o de achegar razóns e afectos para nos poñer con máis firmeza e clarividencia do lado dos máis débiles, como adoitaba facer Xesús. Coma crentes, co pensamento e coa acción, coa oración e coa paixón, entendo que debemos estar urxentemente onde hoxe están as preocupacións e as angustias de miles, de millóns de compatriotas que choran polo pan, polo traballo, por unha vida recoñecida e digna.

Abríase a Semana Santa cunha lectura de Isaías na que o profeta compartía experiencias substantivas dicindo: “O Señor Deus concedeume lingua de discípulo (de iniciado, traducen outros), para saber instruír ao cansado cunha palabra que anime na mañá. El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo” (Is 50, 4). Esta foto cordial e densa de Isaías pareceume tamén unha estupenda foto túa e da túa existencia, tal como eu a vin percibindo día a día, ano a ano. Deus espreguizou cada día o teu oído (a pereza intelectual no senso máis amplo nunca foi compañeira túa), para escoitar e aprender coma discípulo, para que teñas palabra de ánimo para instruírnos cada mañá ás persoas que andamos cansas na fe, ou que podemos vacilar nela nos tempos complexos que nos toca vivir. Grazas –creo que o podo dicir no nome de moitísimos homes e mulleres de Galiza e do mundo enteiro–, por este servizo teu, do que Deus se quixo valer para nos facer chegar a súa presenza animadora.  A túa labor na Escola de Espiritualidade e o eco das túas palabras, convencementos e propostas de construír Igrexa nos homes e mulleres que nela participan  confírmanme nesta disposición de agradecemento cara á túa persoa e ao teu traballo.

Non quero entrar, que non é do caso agora, nos puntos concretos nos que, segundo a Notificación da Comisión Episcopal, “distorsionas” elementos da fe do pobo cristián. Na miña busca crente persoal e comunitaria, e coido que tamén na busca de moitas máis persoas e grupos, as túas distorsións foron case sempre pistas, orientacións serias, razoadas, que me axudaron a unha clarificación da miña fe e das miñas posibilidades de vivila, expresala e compartila como home dunha cultura moderna da que necesariamente formo parte. A túa labor teolóxica provocoume sempre a unha busca honesta, ao gozo de certas seguridades básicas, ao diálogo e ao debate co que ir estruturando a miña condición crente, como a de alguén namorado da verdade que se constrúe historicamente aos poucos, e gustoso de ila vivindo no amor cada día, na medida en que a graza de Deus ma vai achegando e eu a vou acollendo.

Nesta hora de dor pola que estás pasando, quero manifestarche unhas cantas cousas que máis notoriamente fun vendo e agradecendo na túa persoa e no teu servizo teolóxico dentro da Igrexa, e que nunca che transmitín quizabes levado pola evocación, para ti e para min, daquela humildade que ao noso Señor Xesús lle parecía gustar:  servidores somos de pouca monta, fixemos simplemente o que debiamos facer (cfr. Lc 17,10b).

O que máis me chama a atención en ti é a túa paixón por Deus, por achegarte á súa soleira, por captar os sinais da súa presenza, por compartilas cos demais, por debater con outros buscadores e buscadoras esa para ti marabillosa tarefa, digna de coller e condensar toda unha vida, a vida dun teólogo. A túa paixón por Deus e pola súa honorabilidade, que para ti significa descargar o seu nome, a súa imaxe, os seus símbolos, a doutrina que pretende dicir o pouquísimo que del podemos dicir, de todo aquilo que pode enturbar a súa honra e dificultar o acceso da xente a ese misterio de amor sen límites que é Deus. Agradézoche que fagas isto por todos e todas nós, e que o fagas cun amor, cunha fe razoable, razoada, e cunha razón amorosa e crente.

Moito, todo, do que ti escribes está transido, coido eu, por esta paixón por Deus. Desde Deus descubriches, me parece, nun momento da túa existencia, nunha especie de arrebato místico-intelectual moi persoal teu, que El era todo amor, fundamentalmente amor, amor sen límites e fronteiras, e, cunha lóxica elemental e forte, empezaches a tirar do fío e sacar consecuencias. E foi pasando  o que foi pasando. Creo non me equivocar dicindo que nisto non deixas de ser un humilde imitador  de Xesús de Nazaré, quen, na súa busca persoal, apuntado primeiro ás ideas rigoristas do Bautista, entrou na conciencia da experiencia que todo o cambia dun Deus que o amaba coa predilección dun Pai/Nai, e que amaba a todos e todas con esa mesma predilección. E xa todo cambiou para el, para o seu xeito de falar, para o seu xeito de actuar. Logo virían as incomprensións, a cruz, a morte, pero tamén a resurrección e a gloria. Grazas por recordarnos iso permanentemente e por querer facer desa convicción o eixo da túa palabra, da túa vida.

Aínda que máis de un cho poidan negar, eu vin sempre en ti –e cada vez con máis forza— unha paixón na mesma liña, aínda que con diferencias lóxicas, pola Igrexa, á que en público e en privado sempre pretendiches comprender, salvagardar, mellorar, purificar, ante propios e estraños, e a esa labor nos invitabas a quen te escoitabamos, axudando a superar a actitude fácil, cómoda, de criticar sen arrimar o lombo, como se a Igrexa fose algo alleo a nós e como se o seu ser e a súa tarefa non dependese tamén da nosa implicación apaixonada.

Oínte moitas veces afirmar con rotundidade a túa fe cristiá, católica, nun esforzo máximo de fidelidade ao fundamental da fe que nos configura; oínche moitas veces as formulacións desa fe en diálogo coa cultura moderna, como é lóxico nun teólogo que queira ser dos nosos tempos. Oínche moitas veces distinguir e invitar a distinguir entre o que é o núcleo da fe, que é o permanente, e o que son os elementos explicativos desde núcleo da fe, que loxicamente poden e aínda deben cambiar, conforme cambian as estruturas culturais, que non son por certo catro nimiedades do momento. Teño lido do mesmo Papa Bieito XVI, no seu libro “La luz del mundo” , Herder, 2010, pp.76-77, 145-146, 151, que hai verdades fundamentais da fe, xa non significativas para os nosos contemporáneos nas formulacións existentes, que están necesitadas de novas formulacións que as fagan próximas á sensibilidade de hoxe. Dáme pena ver que, cando despois hai teólogos coma ti, que consumides a vida nesa tarefa, se vos cortan as ás, non se vos recoñece o esforzo, e se vos pinta de cores tráxicos, perigosos. A min tenme confortado moito o teu traballo. Anímote a seguir nel.

Dóeme moito, Andrés, que despois de pasar unha vida entregado á causa de Deus dentro da Igrexa, axudando a moitísimas persoas, os máximos representantes desta Igrexa salden o teu labor cun recoñecemento raquítico das túas boas intencións (faltaba máis!), e se prolonguen en acentuar os moitos males que podes causar á fe cristiá coas túas distorsións. Eu apúntome con moitísimos máis a estenderme agradecendo o moito que nos tes dado, e a animarte a seguir repensando, aberto a que os froitos do teu esforzo poidan ser debatidos polo conxunto da comunidade eclesial a través de órganos máis participativos, máis democráticos co dunha Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe, que, malia a saber de memoria as palabras de Xesús “vós non vos fagades chamar ‘señor mestre’, pois un só é o voso Mestre, e todos vós sodes irmáns”( Mt 23,8), se apropian dese título cunha lixeireza que a min  e a moita xente máis nos parece abraiante.

Serían moitas máis as cousas as que me gustaría dicirche. Sinto unhas ganas enormes de che dar un forte abrazo. Mañá é a Pascua, que a luz do resucitado te acompañe neste sábado santo de morte e de agochamento, de silencio e de esperanza no que estás, se cadra, con Xesús sumido, e nós contigo.

Un abrazo de irmán.

Manolo Regal Ledo.

Fonte: escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2012/04/carta-de-manolo-regal-andres-torres.html#more