Os días 23 e 24 de Marzo tivemos as tradicionais charlas coresmais que por primeira vez se celebraron en forma de charla e de obradoiro. Contamos coa presenza de Manolo Regal, teólogo, escritor e responsable do Movemento Rural Cristián en Galicia. O tema de reflexión titulámolo: «Ser cristiáns no medio da crise».
Na súa exposición Manolo Regal comezou por sinalar o carácter comunitario do vivir cristián. Non obstante a comunidade non debe de vivir para se, senón para a misión que é proxectarse no mundo como fermento dun mundo máis xusto e máis humano. Así foi dende o principio cando Xesús encomendou os seus primeiros discípulos e discípulas que fosen polo mundo anunciando a Boa Noticia de que era posible vivir fraternalmente. Cada momento histórico ten uns signos, «signos dos tempos», a través dos cales Deus nos fala e nos pide proxectarnos fraternalmente. Un destes signos é «a crise». Pero xunto a este hai outros que nos moven a vivir fraternalmente: a laicidade, o feminismo, as novas experiencias relixiosas, a cultura do relativo, a globalización…
Hai valores que se desprenden das ensinanzas de Xesús que nos invitan a esa proxeccción fraternal? Pois si: «ser prudentes como serpes e sinxelos como pombas en medio dunha sociedade de lobos» (Evanxeo de Mateo, 10,16). O sistema capitalista é un lobo devorador que se antes devoraba os paises pobres agora tamén nos quere devorar a nos. Ante iso prudencia: alerta, ollos abertos, formación, información alternativa, fotaleza na fe, vida alternativa. Pero tambien ser sinxelos: evitar maquiavelismos, transparencia de vida, non ás cambadelas, gozar do cotián, non ser ostentosos nin prepotentes, ser abertos e humildes… ha máis valores. Partindo do Evanxeo de Marcos (8,14-15) recordounos as alertas de Xesús de non caer nos «fermentos de Herodes e os fariseos»: ter, poder, dominar.. Potenciar os valores que se desprenden da multiplicación dos pans: o compartir; se compartimos chega para todos e sobra.
Finalmente Manolo comentou connosco qué modelo de comunidade quixo Xesús. Xesús aprendeu comunidade co Baptista. Pero logo distanciouse e creo un modelo novo de comunidade. Unha comunidade non centrada en se mesma, senón na vivencia e transmisión de valores fraternais no seu ámbito e máis alá do seu erntorno. Unha comunidade de ollos, oidos e corazón abertos; unha comunidade indignada e conmovida ante os abusos do poder; unha comunidade con valores para vivir algo distinto; unha comunidade comprometida en accións solidarias de todo tipo que mesmo poidan violentar o sistema e padece contrariedades por iso…Comunidades que se forman dende a «revisión de vida» (ver-xulgar-actuar)… Comunidades que celebran e non perden nunca o sentido do humor e da festa…
Para o traballo de obradoiro do sábado propúxose unha lectura de todo o capitulo 10º do Evanxeo de San Mateo e unhas preguntas para traballar en grupos sobre o exposto o venres na charla. Pretendíase chegar a algunha conclusión práctica que puidese servir para o día a día e tamén para levar a asemblea parroquial. Finalizou o encontro cunha posta en común e unha oración.