O pasado sábado celebrouse en A Coruña a II asemblea de Fiare Galiza na que participaron varios membros da nosa comunidade, neste proxecto de banca ética. Así o anunciaban en Galicia Confidencial a asemblea:
Este sábado organízase a II Asemblea de Fiare Galiza, que terá lugar na Reitoral de Celas de Peiro, no concello de Culleredo. Segundo os organizadores, están convocadas as 151 persoas físicas socias da Asociación Fiare Galiza, e as 26 persoas xurídicas socias, que abranguen os seguintes ámbitos: ecoloxistas, sindicais, cooperativas, humanitarias, cristiáns, culturais, educativas, consumo responsable, economía social, comercio xusto, etc…, de todo o territorio galego.
Asemade, están convidados diversos colectivos e persoas con sensibilidade por coñecer de preto o proxecto FIARE de Banca Ética, que nace no 2.003 para a promoción da banca ética, e xa desde 2.004 funciona en toda España como prestadora de servizos financeiros, como axente da Banca Popolare Etica.
Os organizadores din que cómpre lembrar que o aforro recolleito polo proxecto FIARE, a nivel estatal, xa ten superado os 30 millóns de euros (datos de agosto de 2.011). Este crecemento na promoción do aforro das organizacións e familias permitiu dispor duns recursos que se destinan ao financiamento de proxectos transformadores, é dicir, fixo posible outorgar créditos a proxectos sociais do terceiro sector e de economía social, de xeito que a 31 de agosto de 2011, FIARE concedeu financiación a máis de 160 proxectos, por un valor que ascende a máis de 26 millóns de euros.
FIARE en Galicia presume de que «a toma de decisións participativa, a transparencia, o filtro ético das entidades financiadas, a actuación ao servizo da xustiza, a participación de redes cidadáns e a actividade rendíbel pero non lucrativa» son os seus alicerces.
A nivel estatal, case 300 organizacións e entidades e máis de 2.000 persoas estean a apoiar o proxecto FIARE de Banca Ética, segundo datos de Fiare GZ.
Fonte: www.galiciaconfidencial.com/nova/9651.html