No mes de Novembro a cidade de Vigo tinguirase de solidariedade con múltiples actividades relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
Dende o pasado venres día 22 de outubro na Antesala do Auditorio do Concello de Vigo, exhíbese a exposición sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio dentro da linea de accións de sensibilización do proxecto “Pensamos no mundo. Actúamos aquí e agora? Vigo a prol dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio” pertencente ao Consello Municipal de Solidariedade e Cooperación Internacional na que en 8 paneis pretende acercar a cidadanía viguesa que son os ODM e que suporían para millóns de persoas no mundo o seu cumplimento.
O día 10 de Novembro dentro do certame “Curtopía” na Casa Galega da Cultura (19:00) poderase ver unhas curtas que pretenden denunciar as barreiras e impedimentos existentes para a consecución dos ODM no ano 2015.
O 20 de Novembro todas as ONGD locais terán a sua oportunidade de contactar cara a cara cos veciños e veciñas vigueses e viguesas no Foro de ONGD que se celebrará na Praza de Compostela durante todo o día. Con este foro preténdese mediante un contacto directo e a realización de actividades proactivas dar a coñecer as accións de solidariedade e cooperación que realizan as organizacións da cidade de Vigo. Un grupo de Teatro achegaranos aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio grazas a: obradoiros, accións itinerantes, performance, conta contos…
Como fin de festa nestes meses solidarios da cidade olívica, celebrarase un concerto o mesmo día 20 de novembro no Auditorio do Concello de Vigo ,onde o grupo “La Habitación Roja” interpretará o seu mellor repertorio esixindo o cumplimento dos ODM no ano 2015. Este concerto será aberto para toda a cidadanía viguesa
Por que os ODM? Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, subscritos no ano 2000 no marco do Cumio do Milenio por 189 xefes de Estado e de Goberno, representan o maior compromiso político no terreo da loita contra a pobreza. Cos ODM, tanto os países ricos coma os pobres recoñecen, por primeira vez, que comparten a responsabilidade de poñer fin á pobreza e as súas causas fundamentais. Ademais os ODM representan unha folla de ruta viable para facer fronte ás desigualdades e as inxustizas no mundo. Para medir o seu progreso, cada Obxectivo conta cunha serie de metas e indicadores e un prazo para o seu cumprimento. A adopción das medidas necesarias para alcanzar os ODM é simplemente unha cuestión de vontade política.
Por que Eu? Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio son responsabilidade de todos e non se alcanzarán a menos que esixamos aos nosos representantes políticos que cumpran cos seus compromisos. O Obxectivo número 8 propón unha Alianza Global para o desenvolvemento na que os países desenvolvidos, como España, se comprometen a achegar máis e mellor axuda ao desenvolvemento, a aliviar a débeda externa dos países máis pobres e establecer unhas regras de comercio máis xustas que permitan aos países máis pobres avanzar por si mesmos.
Por que Agora? Porque somos a primeira xeración que ten os medios económicos e técnicos para rematar coa pobreza no mundo.
A comisión de sensibilización do Consello Municipal de Solidariedade e Cooperación de Vigo está formada polas seguintes ONGD: ADDIS Galicia, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, Fundación Balms para a Infancia, Médicos do Mundo e Intermon Oxfam.