Este martes, 4 de maio, ás 19h00 o grupo Imán e a nosa comunidade convocamos unha concentración na Praza do Rei como acto de peche da acampada simbólica que distintos membros do Grupo Imán convocaron durante dez días como reivindicación do Centro de Inclusión Social fronte ao Concello de Vigo.
Vigo, 3 de maio de 2010
NOTA DE PRENSA CON ROGO DE PUBLICACIÓN
O Programa VIH SIDA e adiccións IMÁN da UAD do Concello de Vigo e a Comunidade Parroquial do Cristo da Victoria de Coia, desexan facer público que o vindeiro martes 4 de maio ás 7 da tarde na Praza do Rei, diante do Concello de Vigo, desenvolverán un acto socio-comunitario de protesta polas políticas institucionais do Concello de Vigo e Xunta de Galicia, que de forma irresponsable están a dar un novo golpe de frustración cidadá ao non chegar aos acordos precisos para a inmediata apertura do Centro de Emerxencia Social; ben sexa no antigo Fogar San Pelaio coñecido coma “Gota de Leite” ou en calquera outra localización no centro da cidade, co fin de cubrir as necesidades básicas das persoas máis pobres e enfermas: as persoas sen teito.