«A cuestión social», Ignacio Ramonet

No artigo "A cuestión social" Ignacio Ramonet presenta datos sobre a terrible inxustiza que está a provocar o sistema capitalista: "A eficacia económica converteuse na preocupación central das empresas, que descargan sobre o Estado as súas obrigas de solidariedade. Á súa vez, o Estado desvía estes imperativos cara ás Organizacións non gobernamentais (ONG) ou as redes humanitarias privadas. Dese xeito, o económico e o social vanse afastando permanentemente o un do outro. E o contraste entre os dous resulta cada vez máis escandaloso".

"A cuestión social", Ignacio Ramonet

Baixo o lema "Alto á miseria!", a Unión Europea (UE) declarou 2010 "Ano da pobreza e da exclusión social". E é que xa hai, na Europa dos Vinte e sete, uns 85 millóns de pobres (1)… Un europeo de cada seis sobrevive na penuria (2). E a situación séguese degradando a medida que se estende a onda expansiva da crise. A cuestión social volve colocarse no corazón do debate. A ira popular maniféstase contra os Plans de austeridade en Grecia, Portugal, España, Irlanda, etc. As folgas e as protestas violentas multiplícanse. Moitos cidadáns expresan tamén un rexeitamento á oferta política (crece a abstención e o voto en branco) ou unha adhesión a diversos fanatismos (sobe a extrema dereita e a xenofobia). Porque a pobreza e a desesperación social pon en crise o propio sistema democrático. Asisteremos a unha explosiva primavera do descontento europeo?

No Estado español, o 20% da poboación, ou sexa uns dez millóns de persoas, están xa na pobreza (3). Con casos particularmente indignantes como o dos fillos de extracomunitarios (máis da metade deles viven na indixencia), e o das "persoas sen fogar", nivel máximo de exclusión social (4). Hai máis de 30.000 persoas sen fogar (en Europa, preto de medio millón). Centenares delas, cada inverno, morren na rúa…

Quen son eses pobres de hoxe? Campesiños explotados polas grandes distribuidoras, xubilados illados, mulleres soas con fillos, mozos con empregos lixo, parellas con fillos vivindo cun único soldo, e obviamente a gran cohorte de activos que a crise acaba de deixar sen emprego. Endexamais houbo na UE tantos parados: 23 millóns (cinco máis que hai un ano). O peor é que a violencia do desemprego golpea sobre todo aos menores de 25 anos. En materia de paro xuvenil, o Estado español posúe a taxa máis catastrófica de Europa: 44,5% (a media europea: 20%).

Se a cuestión social se expón hoxe de modo tan espiñento é porque coincide coa crise do Estado de benestar. Desde os anos 1970, co auxe da globalización económica, saímos do capitalismo industrial para penetrarnos nunha era de capitalismo salvaxe que ten como dinámica profunda a desocialización, a destrución do contrato social. Por iso están a se respectar tan pouco os conceptos de solidariedade e de xustiza social.

A transformación principal produciuse no ámbito da organización do traballo. O estatuto profesional dos asalariados degradouse. Nun contexto caracterizado polo desemprego masivo, a precariedade deixa de ser un "mal momento transitorio" mentres se atopa un emprego fixo, e convértese nun estado permanente. O que o sociólogo francés Robert Castel chama: o "precariado" (5), unha nova condición infrasalarial que se estendeu por toda Europa. En Portugal, por exemplo, un asalariado de cada cinco ten xa un contrato chamado "recibo verde". Aínda que traballe desde hai anos na mesma oficina ou a mesma fábrica, con horarios fixos, o seu patrón é un simple cliente ao que factura un servizo e quen pode, da noite para a mañá, sen ningunha indemnización, rachar o contrato.

Semellante degradación do estatuto de asalariado agrava as desigualdades porque exclúe de feito a un número cada vez maior de persoas (sobre todo novas) do sistema de protección do Estado de benestar. Íllaas, marxínaas, rómpeas. Cantos suicidios de traballadores no seu lugar mesmo de traballo? Abandonados a si mesmos, en feroz competencia de todos contra todos, os individuos viven nunha especie de selva. O cal desconcerta a moitos sindicatos, outrora poderosos, e tentados hoxe de colaborar coas patronais.

A eficacia económica converteuse na preocupación central das empresas, que descargan sobre o Estado as súas obrigas de solidariedade. Á súa vez, o Estado desvía estes imperativos cara ás Organizacións non gobernamentais (ONG) ou as redes humanitarias privadas. Dese xeito, o económico e o social vanse afastando permanentemente o un do outro. E o contraste entre os dous resulta cada vez máis escandaloso.

Por exemplo, no Estado español, mentres o número de parados alcanzaba en 2009 a cifra de 4,5 millóns (3,1 millóns en 2008), as empresas que cotizan en Bolsa repartían 32.300 millóns de euros aos seus accionistas (19% máis que en 2008). O ano pasado, os beneficios dos dez principais bancos europeos superaron os 50.000 millóns de euros… Nun continente castigado pola peor recesión desde 1929… Como é posíbel? Porque a partir da crise do outono de 2008, os Bancos centrais prestaron masivamente, con tipos de xuros mínimos, á banca privada. Esta utilizou ese diñeiro barato para prestar á súa vez, con tipos máis elevados, ás familias, ás empresas… e aos propios Estados. Así gañou esas millonadas. Agora, a débeda soberana alcanza niveis excepcionais en varios países -Grecia, Irlanda, Portugal, España…- nos que os seus gobernos tiveron que impor drásticos Plans de austeridade aos seus cidadáns para satisfacer as esixencias dos actores financeiros… causantes da crise do 2008. Unha desvergoña que alporiza e enfurece a millóns de asalariados europeos.

Os ricos seguen enriquecéndose mentres medra o número de persoas sen emprego ou na precaridade, cun poder adquisitivo máis reducido, en condicións de traballo degradadas, aturando a violencia física e simbólica dunhas relacións sociais endurecidas nunha sociedade cada vez menos cohesionada. Canto aturará o cansazo popular? E logo non advertiu o propio Fondo Monetario Internacional (FMI), o pasado 17 de marzo, que se non se reforma o sistema financeiro "haberá revolta social"?

——–

Notas:

(1) É "pobre" a persoa que vive con menos do 50% da Renda media dispoñíbel neta (Rdn) do país correspondente. No Estado español, o ingreso medio mensual sitúase ao redor dos mil euros.

(2) Cf. The Social Situation in the European Union 2007, Bruxelas, 2008 (http://ec.europa.eu/ employment_social/spsi/reports_social_situation_fr.htm).

(3) Léase Informe de la inclusión social en España, Fundació Un sol mon, Caixa Catalunya, Barcelona, 2008.

(4) Consúltese: www.enredpsh.org