Decrecemento sostíbel ou decrecemento traumático?, Manoel Santos

Presentamos a ponencia de Manoel Santos (Altermundo/Ra!) nas XI Jornadas da Mocidade Independentista (Santiago de Compostela, Facultade de Xeografía e Historia, 30/04/2009). Nos últimos anos, mais especialmente despois de agosto de 2007, cando a chamada crise económica e financeira estoupaba nos Estados Unidos, vimos oíndo falar de boca de reputados economistas, filósofos e activistas achegados aos movementos sociais do decrecemento (referido á produción e ao consumo das sociedades capitalistas) coma única alternativa posíbel á crise do sistema neoliberal. Non é unha idea vanal, nin desbotábel en absoluto.

Antes de comezar, habería que indicar en primeiro lugar que quen participamos da loita dos movementos sociais antisistémicos non buscamos alternativas a crise do sistema neoliberal. Buscamos alternativas ao sistema neoliberal, isto é, que non nos valen as solucións que achegan os poderosos, pois só tratan de “volver á senda do crecemento” e recuperar o estado financeiro mundial previo á crise, como ben demostran as inxeccións multimillonarias que o G20 acaba de decidir para o FMI, un dos principais causantes desta desorde mundial que só fala de crise financeira, mais sobre todo está configurada por unha crise ambiental, unha crise alimentar e unha crise humanitaria en todos os aspectos. Como ben di o filósofo José María Ripalda: “Preséntannos unha crise “no” capitalismo, non unha crise “do” capitalismo; como moito fálase dalgunhas reformas legais que ninguén cre que vaia ser profundas”.

Xa que logo, a loita é por cambiar o sistema, non por recuperalo, e o decrecemento un camiño necesario que implica non só un chisco máis e conciencia ecolóxica ou humanitaria, senón “un cambio radical no xeito de producir, de consumir e de vivir, un novo xeito de organizarnos social e económicamente” (Paco Fdez. Buey)

En segundo lugar, é moi importante salientar que debemos desterrar a idea de que o culpábel da situación mundial –na que un 20% da poboación explota o 85% dos recursos e no que máis de dous millóns de persoas morren de fame a cotío– é só a expresión neoliberal do capitalismo. Certo é que a imposición mundial do capitalismo baixo o seu disfrace máis bárbaro dende hai aproximadamente dúas décadas, do que se dá en chamar globalización neoliberal, non foi quen, como afirman os seus defensores –dicían que o mercado por si mesmo regularía toda disfunción social– de solucionar as necesidades máis básicas da humanidade. Esa doutrina fundamentalmente económica –baseada no crecemento–, pero tamén política, ideolóxica e social, pola que o capital diñeiro ten máis importancia cá o “capital humano”, xerou máis desigualdade social, máis destrución ambiental, máis desprezo polos dereitos humanos, pola diversidade cultural e pola soberanía dos pobos, máis inseguridade en todos os eidos, do local ao global, e unha fenda insalvábel entre o centro e a periferia do sistema.

Mais non é menos certo que o inimigo non é só o neoliberalismo. É o capitalismo en si. O neoliberalismo non é máis cun capitalismo gordo e seboso, moi pesado e poderoso, pero tamén con evidentes riscos cardiovasculares, que por forza deben levar ao infarto. Nós intentamos inducir ese infarto e a ser posíbel sen que haxa preto ningún experto en reanimación cardiopulmonar. Como di François Houtart: A distinción entre un capitalismo “salvaxe” e un capitalismo “civilizado” non vale, porque o capitalismo é “civilizado” cando debe e “salvaxe” cando pode.

TEORÍA DO DECRECEMENTO

O razoamento da chamada teoría do decrecemento é ben sinxelo, case de eidapuxa, e EXISTE PORQUE EXISTE O CRECEMENTO. O sistema neoliberal imperante basease na falacia de que un crecemento continuo –entendido este como crecemento económico medido máis ca nada a través do PIB– é directamente proporcional ao benestar da humanidade. Disque achega emprego, servizos sociais malia que estes sexan privados, bens materiais a mancheas, cohesión social, tecnoloxías que arranxarán toda disfunción social a longo prazo e que camiña cara unha meirande igualdade entre os seres humanos. Mais a ninguén escapa que este crecemento, que só fala dun medrar infinito na produción de bens e servizos (PIB), non é compatíbel co feito de que se cimenta nun continuo espolio dos recursos naturais do planeta, da materia e da enerxía.

Sendo estes recursos finitos, resulta xa que logo evidente que o crecemento continuo é un imposíbel, e con el camiñamos non só a un cataclismo ecolóxico irreversíbel, e polo tanto a facer perigar a vida no planeta, senón a unha “deshumanización” da propia especie humana, que extermina culturas, linguas, civilizacións e todo o que signifique futuro. Fronte a isto só parece quedar un camiño, coller a corredoira do decrecemento si o si. En nós está que ese decrecemento sexa sostíbel, controlado, ou pola contra traumático, en forma de recesión primeiro e grave e conflitiva depresión despois (economía de guerra).

Deste xeito, quen defende o decrecemento afirman que non é posíbel conservar o medio ambiente, e xa que logo a humanidade, sen reducir a produción económica, responsábel de que actualmente esteamos a superar a capacidade de rexeneración do planeta, como veremos máis adiante. Cómpre pois camiñar cara a redución radical do consumo e da produción, establecendo unha etapa de transición cara un novo xeito de organización social, cara unha economía que produza bens en función das necesidades reais de TODAS as persoas respectando os límites planetarios.

O decrecemento xa que logo non é unha teoría nin un simple anhelo dos movementos sociais. Nin sequera ten un programa concreto. Non existe un comité mundial para o decrecemento nin unha fórmula global para decrecer. De feito, algunhas cousas terán que decrecer, máis outras non. O decrecemento é máis ben unha consigna, ou se cadra unha lei natural inevitábel, tan inevitábel como a noite despois do día, “defendida por quen realizan unha crítica radical do desenvolvemento co obxectivo de rachar o discurso estereotipado e economicista e deseñar un proxecto de recambio para unha política do “postdesenvolvemento” (Serge Latouche). Vaia, que como di un dos pais do decrecemento, Georgescu-Roegen, “antes ou despois o crecemento, a grande obsesión dos economistas estándar e dos marxistas, ten que rematar. A única pregunta aberta é cando”.

O CRECEMENTO NON CADRA. O MITO DO CRECEMENTO

O mito do crecemento

O crecemento económico –pois hai outros crecementos benévolos e mesmo desexábeis– parece ser a única medida que o sistema emprega para lexitimarse e del fixeron un dogma social que ficou impreso nos do común.

1. É obxectivo central das nosas sociedades, o horizonte das políticas que nos malgobernan, mesmo dende a esquerda, que discute a redistribución, pero non a produción e o consumo. Historicamente asistimos a un pacto esquerda-dereita cunha conivencia dos sindicatos en materia económica.

2. Ninguén se pregunta que e para que producir?

3. Hai unha prostitución da linguaxe, das consignas, para convencer á poboación, pois só se fala de crecemento (até negativo). Rexuvenecemento negativo no canto de envellecemento.

O crecemento non cadra

Segundo a economía capitalista, ou desenvolvementista, mentres os indicadores económicos vaian ben, quer dicir cara arriba, o nivel de vida das persoas será mellor, porque estas terán máis bens materiais e sociedades máis tecnolóxicas que axudan a ser máis felices. Deste xeito, nos últimos anos estendeuse por exemplo a idea de que as economías sás tiñan que medrar un 3% anual para manter o benestar e mesmo moitas transnacionais puxeron o límite de crecemento anual nun 7%. Do contrario, o desexábel era a deslocalización para buscar meirandes beneficios.

Habería que dicir, que eses indicadores económicos non parecen fiábeis máis que para facer cadrar as contas anuais dos consellos de administración das grandes empresas e como argumento discursivo do político de quenda. Así, o PIB, ou o valor monetario total da produción corrente de bens e servizos dun país durante un período, é, segundo J. K. Galbraith “un dos xeitos de mentira social máis espallados”. De feito, o PIB mide exclusivamente a produción de bens e servizos (sexan estes coches fabricados, minerais extraídos, árbores cortadas, construción de cadeas, xestión de accidentes e desastres naturais, ou armas producidas e vendidas), mais non ten en conta nin a xustiza social nin os custes medioambientais, que son básicos para o bo vivir da humanidade, polo que equiparalo ao “progreso” social é unha barbaridade. Como ben di Carlos Taibo: “unha fraga convertida en papel acrecenta o PIB, en tanto que esa fraga indemne, decisiva para garantir a vida, non computa como riqueza”.

Só o que produce PIB parece ser desexábel para a sociedade. Deste xeito, unha familia de labregos e labregas que cultive os seus vexetais para autoconsumo, que críe o gando do que se alimenta e do que obtén traballo nas leiras, que faga o seu viño e mailo seu pan ou que repare a súa vivenda, non estaría a xerar practicamente PIB, non xeraría riqueza e, xa que logo, para o sistema imperante sería unha familia de infelices que non é desexábel para a humanidade. No entanto, para todos é entendíbel que esa familia produce bens non intercambiabeis por cartos que aumentan moito a súa calidade de vida.

O PIB MEDRA CANDO CULTURAS, XEITOS DE VIDA, BENS NON MERCANTILIZADOS… SON SUBSTITUÍDOS POR MERCADORÍA (Mosangini)

Entre outras, hai dúas cuestións claves que deslexitiman o mito do crecemento:

1. Non ten xerado tanto benestar como din para a humanidade

2. Superar a biocapacidade do planeta, ou os seus límites ambientais

1-. Se ben é certo que o crecemento ten xerado beneficios para a humanidade, isto só é aplicábel a unha minoría desa humanidade, a do Norte global e, ademais, é moi discutíbel que os teitos económicos acadados hoxe sexan beneficiosos mesmo para esa parte da humanidade privilexiada. Ben apunta Carlos Taibo que a meirande parte de sociedades “occidentais” pensan que vivían mellor na década de 1960 –antes do neoliberalismo– e que as porcentaxes de cidadáns que se declaran felices e satisfeitos é cada vez menor. Máis bens materiais, non implican felicidade. É mais, a obsesión pola acumulación de bens xera máis infelicidade.

Pola outra banda, hai datos de peso que comproban que o neoliberalismo redundou no prexuízo da meirande parte da poboación mundial. Se en 1960 a fenda entre o 20% máis rico do planeta e o 80% máis pobre era de 1 a 30, hogano é de 1 a 80. As desigualdades son pois cada día máis xigantescas, tanto entre o Norte e o Sur do planeta coma no interior dos Estados, incluíndo os da UE e os EUA, que amorean alarmantes bolsas de pobreza, desemprego, degradación ambiental, perda de coberturas sociais… nun meteórico proceso que xa se coñece como a tercermundización das cidades occidentais. O soño americano, por exemplo, é hoxe é imposíbel para máis de 38 millóns de persoas, que son as que nos EUA viven baixo a liña da pobreza.

2-. O outro dato ten que ver coa capacidade do planeta para sustentar a vida. Vaia, que o crecemento, a produción de bens e servizos, necesariamente aumenta o consumo de recursos naturais, e este consumo é moito maior que a capacidade de rexeneración do planeta.

Todos os indicadores apuntan ao esgotamento de recursos. Coas tendencias actuais, que segundo a teoría do crecemento deben aínda medrar, o pico do petróleo producirase entre 2010 e 2040, só queda gas natural para 70 anos, uranio para 80-160, carbón para 150; o cambio climático é un feito, a extinción de especies supera 5.000 veces á de fondo e a metade da diversidade biolóxica pode desaparecer a finais do próximo século…

Un dos indicadores máis ultilizados é o da pegada ecolóxica, isto é, o cálculo en hectáreas do espazo necesario dunha persoa ou grupo de persoas (un país, unha comunidade) dado para obter os seus recursos e desbotar os seus residuos. A pegada ecolóxica é moi compricada de medir e cuantitativamente é moi dubidosa, pois non atende por exemplo á contaminación (só ao CO2 e á enerxía nuclear), nin a que compartimos espazo no planeta con outras especies, mais cualitativamente é moi indicativa. Hoxe a humanidade xa está a usar 1,3 Terras e segundo os prognósticos en 2050 usaremos 2 Terras. Superamos a biocapacidade do planeta en 1980 e a triplicamos entre 1960 e 2003 de maneira que hoxe, por exemplo, un norteamericano precisa 12,9 (5,5 nos EUA e 7,9 fóra) hectáreas de Terra para producir todo o que consome e botar os residuos que xera, mentres que un habitante de Bangladesh usa 0,56 Terras. A capacidade de carga do planeta é de 1,9 has/habitante. Amais, todos os países do Norte teñen máis pegada ecolóxica da que ten a capacidade de carga do seu país, de maneira que o resto obtéñenno do Sur.

Por mor destas cifras da débeda ecolóxica deducimos que se todos os habitantes da Terra viviran como os europeos precisariamos 3 Terras, e para vivir como os norteamericanos 7.

E un dato para a reflexión que nos achega Xan Duro (Verdegaia): “o único país do mundo que en base aos índices de desenvolvemento humano da ONU e o PIB, supera o umbral de atraso máis mantense dentro dos parámetros da sustentabilidade é Cuba,”.

NON AO DESENVOLVEMENTO SOSTÍBEL

E entre crecemento e decrecemento hai algo? Para moitos o desenvolvemento sustentábel. Un medrar con coidadiño bastante ilusorio. O decrecemento, como necesidade social e planetaria, oponse radicalmente ao termo tan empregado e, para moitos e moitas activistas, xa baldeiro de contido de “desenvolvemento sostíbel”, especialmente porque a clase política e empresarial ten identificado desenvolvento con crecemento, de xeito que se dá unha flagrante contradición: o que se desenvolve non pode ser sostíbel, e o que é sostíbel non se desenvolve. Este termo, nacido do informe Brundtland en 1987 e adoptado polos poderosos logo do cumio de Río de 1992, para moitos autores (J.M. Naredo) “está a servir para manter a fe no crecemento dos países industrializados”.

Se ben é obvio que os límites do planeta son aceptados por todos, dende os economistas neoliberais aos ecoloxistas, para os primeiros os avances tecnolóxicos permitirán superar todos os teitos que a natureza impoña, de maneira que podemos seguir a medrar e confiar na ciencia. Ese é o argumento fundamental, porque non hai outro, para defender que si pode haber un crecemento sustentábel e para rebater as hipóteses de quen defenden a necesidade de coller a senda do decrecemento. Para estes gurús, o progreso tecnolóxico abre o camiño cara a desmaterialización das nosas economías, dando corpo a tecidos produtivos cada vez menos dependentes da materia e da enerxía. Mais como di Mauro Bonauti: “queren facernos crer que se poden facer máis pizzas con menos fariña, simplemente empregando un forno meirande ou máis cociñeiros”. Non son as economías máis “avanzadas” as que gastan máis materia e enerxía?

O decercemento desbota o efecto do medre tecnolóxico xo chamado Efecto rebote: malia que se empreguen menos materia e enerxía por mor dos avances tecnolóxicos, o fomento do consumo sempre produce máis gasto.

O DECRECEMENTO

Estamos perante unha corrente de pensamento e un movemento social

1-. Corrente de pensamento (multidisciplinar, países, autores…)

A noción de decrecemento xorde fundamentalmente do traballo de Nicholas Georgescu-Roegen, un economista norteamericano de orixe romanesa que escribiu a súa obra entre os anos 60 e 70 (escribe a súa obra máis famosa, The Entropy Law and the Economic Process en 1971, antes da crise do petróleo) e se considera pai da bioeconomía, pola que aplicaba leis físicas e biolóxicas á economía. O emprego da segunda lei da termodinámica, mediante a cal a entropía (a enerxía que non pode utilizarse para producir traballo) de calquera sistema pechado aumenta co tempo de xeito irrevocábel e irreversíbel, está na base das súas teorías. Ao estar a humanidade amarrada polo feito de que se enfronta á dependencia absoluta de enerxía e materia que se degradan continuamente, temos que reducir drasticamente o noso consumo até respectar os límites da biosfera.

Tamén hai que ter en conta o famoso informe do Club de Roma de 1972 (Os límites do crecemento), no que se afirmaba que nun planeta limitado, as dinámicas de crecemento exponencial (non só o PIB, tamén a poboación) non son sustentábeis; de xeito que se debería tender a un crecemento cero, teoría defendida por outros economistas, como Herman Daly, e desbotada por Georgescu-Roegen antes e por indicadores como a pegada ecolóxica hoxe.

Outros antecedentes teóricos atopámolos en Karl Polanyi, Jaques Grinevald, André Gorz, Edgar Morin, Ivan Illich (contraprodutividade)…

Dende aquela son moitos os autores que investigan hoxe sobre decrecemento, especialmente en Francia, por xente como Serge Latouche, Vincent Cheynet, François Scheneider… e varios italianos, como Mauro Bonaiuti, Maurizio Pallante, Paolo Cacciari, etc.

Dentro dos teóricos do decrecemento é Cheynet o que dá no albo ao diferencia entre decrecemento sustentábel e decrecemento insustentábel, ou traumático, poñendo do segundo oe exemplo de Rusia dende 1990, con datos alarmantes, coma que onde a esperanza de vida era de 70 anos en 1980 e de 59 na actualidade.

2-. Movemento social a tres escalas

1. Individual (simplicidade voluntaria, autoprodución de bens e servizos)

2. Colectiva (autoxestión, cooperativas de consumidores, banca ética redes sociais de troco, etc)

3. Acción Política (proposta, mobilizacións, etc)

QUE SOCIEDADE BUSCA O DECRECEMENTO (CRECEMENTO INMATERIAL)?

Valería para explicalo un texto de André Gorz:

“Intenten imaxinar unha sociedade fundada nestes criterios. A produción de tecidos moi resistentes, de zapatos que duren anos, de máquinas doadas de reparar e capaces de funcionar un século, todo iso está, desde hai tempo, ao alcance da técnica e da ciencia, do mesmo xeito que a multiplicación de instalacións e de servivios colectivos (de transporte, de lavado, etc.) que nos libren da compra individual de máquinas caras, fráxiles e devoradoras de enerxía.

Imaxinen en cada inmoble colectivo 2 ou 3 salas de televisión (unha por programa); unha sala de xogos para os nenos; un taller ben equipado de bricolaxe; unha lavandaería con secadora e ferro: terían vostedes aínda a necesidade de todos os seus equipamentos individuais, e seguirían atascándose nas estradas se hai transportes colectivos cómodos cara aos lugares de descanso, aparcadoiros para bicis e ciclomotores, unha rede de transportes en común para as aforas e as cidades?

Imaxinen tamén que a gran industria, planificada centralmente, limítase a producir o necesario: 4 ou 5 modelos de zapatos e de pezas que duren, 3 modelos de coches robustos e transformábeis, ademais de todo o necesario para os equipamentos e servizos colectivos. É imposible en economía de mercado? Si. Sería o paro masivo? Non: a semana de 20 horas, a condición de cambiar o sistema. Sería a uniformidade e a monotonía? Non, pois imaxinen isto tamén: cada barrio, cada municipio dispón de obradoiros, abertos día e noite, equipados de toda unha gama tan completa como sexa posíbel, de ferramentas e máquinas, onde os habitantes, individualmente, colectivamente ou en grupos, produciran eles mesmos, fóra do mercado, o superfluo, en función dos seus gustos e desexos. Como só traballarán 20 horas por semana (e poida que menos) para producir o necesario, os adultos terán todo o tempo de aprender todo o que os nenos aprenderán polo seu lado na escola primaria: traballo da madeira, do coiro, de tecidos, da pedra, de metais; electricidade, mecánica, cerámica, agricultura…

É unha utopía? Pode ser un programa. Pois esta “utopía” corresponde á forma a máis avanzada, e non a máis frustrada do socialismo: a unha sociedade sen burocracia, onde o mercado decae e onde hai suficiente para todos e onde as persoas son individualmente e colectivamente libres de modelar as súas vidas, de escoller o que queren facer e ter ademais do necesario: unha sociedade onde o libre desenvolvemento de todos sería á vez o fin e a condición do libre desenvolvemento de cada un, Marx dixit”.

O decrecemento tería tres dimensións…

1. Ecolóxica (a conservación da natureza é unha premisa irrenunciábel)

2. Económica Menos produción e consumo. (Imprescindíbel, por exemplo, a redución e reparto do tempo de traballo. Latouche o cifra en 4 ou 5 horas diarias, Gorz en 1000 horas no canto de 1600) Con isto conseguiramos que a xente non se sentira excluida e traballar para proporcionar bens e servizos necesarios. Saíndo da economía do traballo prodiciriamos menos porque precisariamos consumir menos). Bonaiuti argumenta a redución drástica do consumo provocaría malestar social, desocupación e, en última instancia, o fracaso da política económico-ecolóxica alternativa. Propugna, en consecuencia, potenciar os “bens relacionais” (atencións, coñecementos, participación, novos espazo de liberdade e de espiritualidade, etc.) e cara a unha economía solidaria. O decrecimiento material tería que ser un crecemento relacional, convivencial e espiritual.

3. Social Simplicidade voluntaria e autosuficiencia!! (cambios nos parámetros de vida; volver ás sociedades colectivas; o ocio non é só consumo…). Ruralización fronte a urbanización, reparto fronte a acumulación, localización fronte a globalización, decrecemento fronte a hiperconsumismo, ocio fronte a traballo obsesivo; menos, menos, menos…

… e dous xeitos de aplicación entre os teóricos:

1. autoxestión das comunidades

2. planificación central, con aire socialista

COMO DECRECER?

Segundo Serge Latouche tenta resumir de xeito gráfico e parcialmente no seu programa das 8 R: Revaluar (revisar os nosos valores: cooperación vs competencia, altruísmo vs egoísmo, etc.); Recontextualizar (modificar as nosas formas de conceptualizar a realidade, evidenciando a construción social da pobreza, da escaseza, etc.); Reestruturar (adaptar as estruturas económicas e produtivas ao cambio de valores); Relocalizar (sustentar a produción e o consumo esencialmente a escala local); Redistribuír (o acceso a recursos naturais e as riquezas); Reducir (limitar o consumo á capacidade de carga da biosfera); Reutilizar (contra o consumismo, tender cara a bens durábeis e á súa reparación e conservación); Reciclar (en todas as nosas actividades).

As propostas son infinitas:

1. Relocalización da economía a escala local: Evitar a concentración de empresas. Mercados locais e artesanatos que xeren unha economía local, de calidade e sen publicidade.

2. Relocalizar a produción e tamén a política.

3. Abandono do consumismo e a publicidade

4. Economía solidaria (comercio xusto, banca ética, consumo crítico, cooperativas de consumo, intercambios non mercantilizados como as redes de troco)

5. Reparto de recursos

6. Salario máximo e renda básica

7. Autoprodución de bens e servizos

8. Prohibir privatizar servizos públicos esenciais (auga, educación, sanidade e bens comúns; co que tamén se xeraría traballo).

9. Abandono absoluto da agricultura intensiva pola agroecoloxía

10. Enerxías renovábeis, menos consumo, eliminacións das non renovábeis

11. Desindustrialización: Pechar as industrias automobilística, militar, aviación e reconducir o emprego cara a eidos relacionados coa satisfacción das necesidades sociais e ambientais

12. Desurbanización (vivimos no 0,2% da superficie do planeta. As cidades son parásitas do crecemento)

13. Cidades en transición (Slow cities)…

CANTO DECRECER?

Hai quen fala do 5% anual para non entrar en convulsión. Nos países pobres outra cousa, pero sobre todo que non sigan o noso modelo. Para eses países imponse, na percepción de S. Latouche, un listado diferente de “re”: rachar coa dependencia económica e cultural con respecto ao Norte, retomar o fío dunha historia interrompida pola colonización, o desenvolvemento e a globalización, reencontrar a identidade propia, reapropiar esta, recuperar as técnicas e saberes tradicionais, conseguir o reembolso da débeda ecolóxica e restituír o honor perdido.

ALTERNATIVAS REAIS EN MARCHA

Hai movementos cidadáns moi importantes que pulan polo decrecemento, especialmente en Francia e Italia, pero tamén aquí. En Francia hai dende Institutos de estudos económicos sobre o decrecemento sustentábel (www.decroissance.org) a unha revista semanal, La Décroissance, que xa ten unha tirada de 50 mil exemplares, movementos como a rede de Obxectores de Crecemento e iniciativas prácticas moi abondosas, como os SEL (Sistemas de intercambio locais), as RES (redes locais de economía solidaria) e os famosos AMAP (asociacións para o mantemento da agricultura labrega), que cada mes pagan unha pequena cantidade que lle permite ao produtor dispor dos cartos e el vai fornecendo de produtos de tempada aos socios e que xa alimentan a un millón de franceses e francesas. En Italia a Rete per la descrescita (www.descrescita.it), en Catalunya a Entesa pel decreixement (www.decreixement.net), etc.

Na Galiza:

-Cooperativas de consumo (árbore, xoañiña. Semente, etc.), Mercados de troco, Comercio Xusto, Masa crítica, Fiare (banca ética), Véspera de Nada, Rede de Permacultura (ecoaldeas)…

Son alternativas reais, locais que de medrar implicarían xa de por si decrecemento. NON HAI UNHA FÓRMULA E COMEZA POR UNHA ACTITUDE e sobre todo polo local, pois dificilmente os poderosos van aceptar un camiño de decrecemento controlado. OU SI?

Un comentario

Los comentarios están cerrados.