"Se me amades, gardaredes os meus mandamentos"
PRIMEIRA LECTURA
Lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos 8, 5-8. 14-17
Naqueles días, Filipe baixou á cidade de Samaría e predicóulle-lo Mesías. O pobo, dun acordo, atendía ó que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía; pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados.
A cidade encheuse de alegría. Ó sentiren dici-los apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán.
Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús.
Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo.
SEGUNDA LECTURA
Lectura da primeira carta do Apóstolo San Pedro 3, 15-18
Benqueridos irmáns: Adorade a Cristo como Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.
Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien. Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facérde-lo ben, que por facérde-lo mal.
Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados, o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus; sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.
EVANXEO
Lectura do Santo Evanxeo segundo Xoán 14, 15-21
Naquel tempo díxolles Xesús ós seus discípulos: -Se me amades, gardaréde-los meus mandamentos, e eu rogareille ó Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade.
O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir.
Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el.
{mosimage}
I love looking through and I think this website got some truly utilitarian stuff on it! .