Na Coordinadora de Crentes Galegos estamos integrados católicos e católicas que gustamos de practicar a nosa fe sen deixar de practicar a nosa galeguidade, nin renunciarmos á nosa intelixencia.
Por iso, cando se trata de votar, temos dúbidas de que un só partido sexa quen de asumir toda a enerxía transformadora e todos os soños feitos vida que provocaron que Xesús de Nazaré morrese de “morte matada”, e non por accidente cardio-vascular…
Os señores bispos, aos que recoñecemos o dereito a pronunciarse, déronnos uns criterios para saír da dúbida, criterios que nos parecen claramente insuficientes, moral e evanxelicamente pobres e dan a impresión de que foron seleccionados de xeito parcial e partidista.
Como leigos e leigas responsables e conscientes de que o tratamento dos asuntos políticos, económicos e sociais é función nosa, conforme ao que determinou o Concilio Vaticano II, aínda vixente, queremos engadir outros criterios para axudar aos crentes a decidir o seu voto.
– A actitude ante o sistema económico e financeiro neoliberal, que converte todo en mercadoría, incluídos os seres humanos.
– A actitude ante a guerra, especialmente a que nos resulta moralmente próxima: aquela intervención militar ilexítima na que o estado español cooperou causando o desastre de Iraq (90.000 mortos só entre a poboación civil).
– A actitude ante o desequilibrio territorial galego e a tendencia secular cara á morte das nosas comunidades rurais por falta de alternativas para unha vida digna no agro.
– A actitude fronte ao urbanismo especulativo e salvaxe, que enriquece a uns poucos, corrompe a políticos e funcionarios, deteriora o medio natural, encarece a vivenda e desestabiliza o sistema económico.
– A actitude fronte á insuficiencia histórica de servizos para atender en Galicia os que máis o precisan: as persoas dependentes e a quen as coida, as persoas con discapacidades, aos meniños das clases traballadoras, a todos aqueles que están excluídos da sociedade.
– A actitude fronte á prevención de accidentes laborais e a urxente necesidade de humanizar as condicións de traballo, especialmente no mar.
– A actitude fronte as insuficiencias do sistema público sanitario, que é o que asegura a atención aos economicamente débiles.
– A actitude diante da inmigración e a defensa dos dereitos das persoas e as familias ás que se nega a convivencia. (Non fai isto máis dano ás familias que as vodas de homosexuais?)
– A actitude fronte á temporalidade no emprego, os horarios imposibles e os contratos lixo, que tamén son un atentado contra a familia.
– A actitude diante do escándalo da violencia machista.
– A actitude fronte á tendencia a rebaixar os impostos dos máis poderosos e diminuír a redistribución da riqueza e a progresividade fiscal.
– A actitude fronte ao 0,7 para solidariedade internacional.
– A actitude fronte ao afogamento das linguas e culturas minorizadas.
– A actitude ante as vítimas do franquismo, os xuízos sumarísimos, os que aínda andan polas cunetas e o restablecemento da súa dignidade.
Isto, entre outras cousas, é o que nos preocupa.
Por iso pareceunos pobre a nota da Conferencia Episcopal Española. E por iso animamos a todos e todas a votar libremente, en conciencia e con responsabilidade.
COORDINADORA DE CRENTES GALEGOS