#CooperaciónEsquecida no Concello de Vigo

Nos dous últimos anos, o Concello de Vigo deixou sen executar os fondos destinados a proxectos de cooperación internacional no exterior.

En total, a cantidade non executada ascende a 118.000 € (53.000 de 2015 e 65.000 de 2016).

En 2017 segue polo mesmo camiño. Hoxe 45.000 € seguen sen plan de gasto e todo indica que quedarán, de novo, sen executar.

A nosa cidade non pode ser unha das que menos destina a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (só un 0,01% no 2017), por debaixo doutras con menos posibilidades económicas.

A cooperación para o desenvolvemento impulsada desde os gobernos locais constitúe unha política local orientada á redución da pobreza, a loita contra as desigualdades e a promoción do desenvolvemento humano sustentable.

O benestar e o desenvolvemento dos pobos están interrelacionados e os esforzos no ámbito local teñen repercusión a escala global, e viceversa. Por este motivo, os gobernos locais teñen unha obriga ética ineludible de contribuír á construción dun mundo máis xusto.

Sen embargo, sentimos que a política de cooperación local é a gran esquecida na política municipal viguesa e temos que denuncialo. Se hai vontade política, aínda estamos a tempo de enderezar o rumbo…

Cales son as nosas demandas?

Que se execute o 100% do orzamento aprobado para AOD.

Que se aprobe unha convocatoria pública de subvencións para proxectos de cooperación internacional como o instrumento axeitado para executar ese orzamento.

Que se valore o traballo e a participación das ONG no Consello Municipal de Cooperación atendendo as peticións e recomendacións deste órgano consultivo.

E que, seguindo a recomendación da FEMP, se incremente significativamente o esforzo en cooperación internacional ata destinar o 0,7% do orzamento a AOD.

Que podes facer?

Para comezar imos lanzar unha campaña en redes sociais, que saque á luz o problema e os datos, lanzando cada día diferentes mensaxes e materiais gráficos durante dúas semanas.

A saída será o 18 de maio ás 14:00h, coas etiquetas #CooperaciónEsquecida e #VigoNonCoopera.

Retuitea, comparte e apoia a campaña para que chegue ao maior número de persoas posible. Séguenos en Twitter e Facebook.

Proximamente anunciaremos novas accións e crearemos un manifesto para recoller o apoio á campaña.

Axúdanos a facer escoitar a nosa voz!

Únete na defensa desta política pública!

Comparte...Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedInEmail this to someone