Charlas en tempo de Advento

Os días 21 e 22 de Novembro a nosa comunidade tivo as tradicionais Charlas de Advento co tema de “a celebración na vida dunha comunidade cristiá”. Contamos coa presenza de Manolo Regal, ben coñecido pola nosa comunidade, que desenvolveu o tema en dúas xornadas. Na primeira referiuse ao tema de “as celebracións cristiás: sentido, dificultades e realización”. Fixo dúas referencias importantes. Unha á praxe de Jesús de Nazaret. E outra ás indicacións do Papa Francisco na Evangelium Gaudium nº24, que recollen a devandita práctica de Xesús: “primerear, involucrarse, acompañar, frutificar e festexar”. Non pode celebrar ben unha comunidade que antes non fixo un proceso evanxelizador ao estilo de Xesús. O segundo dia centrouse nalgunhas suxestións interesantes para mellorar as celebracións (sobre todo as dominicais). Sinalamos algunhas especialmente importantes: unha vida profunda e densa en valores no dia a dia por parte de cada membro da comunidade e da comunidade enteira; unha lectura evanxélica que acompañe esa vida profunda e lle de sentido; integración do corpo na celebración; máis signos e menos palabras…. Cara a un dos obxectivos marcados na asemblea parroquial para este ano (potenciar as celebracións da comunidade) as achegas de Manolo foron ben interesantes e marcan un momento forte na vida da comunidade que teremos en conta durante todo o curso na reflexión das comunidades.

Comparte...Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedInEmail this to someone

2s comentarios

Los comentarios están cerrados