O Belén de Nadal

O sábado 15 de decembro, pola tardiña, as familias de catequese reuníronse para afrontar todo un desafío: este ano correspondeulles a elaboración do Belén parroquial, que, coma sempre, estará durante todo o Nadal no cuartiño do fondo da igrexa.

So podemos agradecer de corazón o entusiasmo, a participación e o bo facer das familias, de nenos e nenas, nais e pais e mesmo avós e avoas que adicaron toda a tarde do sábado a compartir traballos e charlas, merenda e bromas, combinando a convivencia e o compromiso solidario. Porque o Belén, elaborado con materiais de refugallo (envases de iogures e zumes, cartóns, restos de teas reutilizadas, etc) é un exemplo de consumo responsable, de reutilización e reciclaxe. En definitiva, é unha boa mostra de como podemos construír entre todas e todos cousas fermosas sen estragar aínda máis o mundo que nos arrodea, aproveitando os bens de consumo que normalmente se arroxan ao lixo sen pensar nas consecuencias…

Xa sabedes: En Nadal, máis que nunca, consumide responsablemente.

¡Moitísimas grazas ás familias! ¡E Feliz Nadal a todas e todos!