Mercedes Barrio: «Mística liberadora»

Este sábado 17 de novembro tivemos a sorte de compartir unha xornada de formación con Mercedes Barrio, que se achegou dende Madrid para regalarnos a súa experiencia en torno á mística liberadora.

Comezamos o día coa súa charla sobre este tema, na que nos lembrou que a mística é liberadora, ou non é, e reflexionou sobre os aparentes paradoxos, como o de acción e contemplación, que a experiencia mística nos axuda a integrar e equilibrar nas nosas vidas.

Despois compartimos unha oración na que Mercedes nos guiou a través dos cinco sentidos para axudarnos a experimentarnos como persoas confiadas, valiosas, agradecidas pola presenza liberadora de Deus no noso camiñar.

A xornada rematou cun xantar comunitario e cun paseo ata o mar, para gozar tamén na súa compaña da natureza, un dos espazos privilexiados para o encontro con Deus.

Non podemos máis que dar grazas a Mercedes, pero tamén á comunidade e a todas as persoas que se achegaron a compartir connosco, por este agasallo precioso de sentido e esperanza que de seguro nos axudará a continuar madurando a nosa fe e a nosa opción como seguidores de Xesús.