Magosto 2018

Tardiña de sábado otoñal; ceo cuberto, algo de humidade e certo frescor  que confirmaba o cambio de estación. Mais as ganas de celebrar non  impediron que unha vez máis saísemos ao Parque de A Bouza para vernos as  caras e conversar mentres gozabamos dunhas ricas castañas asadas; un ano máis celebramos o magosto do barrio.

O tempo respetounos e xa de mañán comenzamos os preparativos para ter unha tarde festiva. Ás 14:00 xa tiñamos montado o bar, a megafonía, as luces… soamente faltaba o arranque de festa. Así que ás 17:00 demos o pistoletazo de saída e comenzamos, ben acompañados pola música, a asar as castañas e a preparar as filloas que todos puidemos saborear ao longo de toda a tarde.

O Grupo de Baile C.C.D. de Beade acompañounos cunhas bonitas pezas de música tradicional galega e os seus correspondentes bailes que nos animaron a todos a mover un pouco o esqueleto. Durante toda a tarde tamén puidemos achegarnos á mesa do Parro Troca; onde nenos e maiores tivemos a oportunidade de intercambiar xoguetes, libros e moitas mais cousas ás que conseguimos prolongar a súa vida útil sen necesidade de que acaben nun contenedor do lixo. Foi novamente unha bonita experiencia para que,especialmente os máis cativos, se decatasen da importancia de pensar de forma crítica cando consumimos.

Despois dos xogos, bailes, conversas e co bandullo cheo tocaba retirada. Foi unha tarde intensa na que volvimos demostrar as ganas de compartir momentos de encontro. Pero cara as 20:00 tocaba xa descansar; sen impedir que os máis festeiros continuasen a celebración por outros lares.

Moitas grazas a todas as que vos pasáchedes para compartir connosco unhas castañas, aos que colaboráchedes na loxística e ofrecéchedes o voso tempo para asar castañas, atender o bar, cociñas as ricas filloas… e, por suposto, ao Movemento Cidadán, Rueiro e Dorna por promover un ano máis esta festa.

Vémonos na seguinte!