DOCUMENTO DA PAZ

A finais do ano 2017, a COORDINADORA DE CRENTES GALEGOS, redactou e fixo público o Documento da Paz. Como na nosa comunidade celebramos o DIA DA PAZ, coincidindo co anivesario da morte de Mahatma Gandhi presentamos hoxe este interesante documento que tamén daremos a coñecer nos próximos días.

 DOCUMENTO DA PAZ 2017

 A IGUALDADE QUE SOÑAMOS

Pois si, agora que o século XXI se fai maior de idade, declarámolo con convicción: soñamos coa igualdade. Temos ilusión, non somos ilusas; sabemos das dificultades, non somos parvos. Somos fillos e fillas dunha longa tradición humanizadora: a que vai desde o profetismo da antigüidade aos homes e mulleres revolucionarias dos últimos séculos, a que vén desde o Evanxeo até a declaración dos Dereitos Humanos. Temos os pés na realidade, pero, desde a nosa raíz cristiá, convócanos e mobilízanos a fe compartida nunha humanidade única, aínda que non a vexamos realizada; sentímonos chamadas e empurrados pola esperanza nunha fraternidade radical, contra toda aparencia, imprudentemente abertas a un futuro máis xusto.

Porque a igualdade que soñamos xa foi asomando. É fráxil, pero xa está entre nós, acubillada no pobo, nos dereitos e nas institucións longamente pelexadas e conquistadas; está aí, marabillosamente incompleta. Por iso celebramos -e defendemos- cada pequena vitoria dese amor en acción que se chama dereito social, sanidade universal, igualdade de xénero, inclusión do estranxeiro, coeducación pública ou pensión digna.

A igualdade que soñamos, soñámola espertos porque o avance dos dereitos e a igualación nas oportunidades son a expresión política da tenrura, da tenrura das sociedades e dos pobos e das mellores utopías da humanidade.

A igualdade que soñamos ten inimigos

Vemos, non obstante, que a igualdade cotiza á baixa. Lévanse máis a riqueza impúdica, o marcar as distancias ou o defender sen pudor a iniquidade, mantida con teitos e muros de cristal, invisibles. E tamén con muros dos outros, obscenos, con concertinas. Tragamos decote discursos como que a redistribución da riqueza, esa que equipara algo os desiguais e rescata aqueles que a sociedade desbota, resulta “disfuncional”, un atranco para a competitividade e o crecemento. E hai quen, instalado na fortuna ou no enchufismo, elabora finísimos argumentos para distinguir entre pobreza merecida e inmerecida.

Si, constatamos, con pouca marxe para a dúbida, que estamos en tempos críticos para a igualdade como proxecto colectivo, para seguirmos soñándoa, apertándoa, albiscándoa a pesar da néboa mesta dos discursos e das propagandas dominantes. Está cuestionada, asediada, desprezada por estudosos economistas liberais, por modelos sociais agresivos e triunfadores ou, mesmo, por desgraza, por políticas e movementos de odio ao diferente que resucitan as peores pantasmas desta vella Europa.

A igualdade que soñamos sae da crise malferida

A recesión e a crise que vivimos tivo moito de fraude aos nosos soños colectivos. Non admitimos daquela, e non podemos admitir agora, que saiamos de crise moito máis desiguais do que entramos. Os indicadores falan: a diferenza entre a renda media das familias máis ricas e das familias máis pobres disparouse; a denominada “intensidade da pobreza” é maior, a brecha salarial segue a aumentar. As mulleres que volveron para os seus fogares coa crise para coidar dependentes non están volvendo a ocupar postos de traballo e as que o conseguen é en condicións máis precarias respecto dos homes. E, o que é máis significativo, a pobreza incrementouse entre os que están en idade de traballar e entre os máis novos e feminizouse aínda máis. É unha constatación unánime: o publicitado crecemento económico desta economía “reaxustada” non está significando melloras na equidade. É o que a propia OCDE chama nos seus informes “crecemento en desigualdade”.

Saíuse da crise pola dereita. Os dereitos laborais están deturpados, anémicos, fanse contratos nunhas condicións de precariedade, falsidade e incerteza impensables hai tan só quince anos. Hoxe en día a xente nova, mesmo a mellor preparada, non pode conducir un proxecto vital cos ingresos e garantías que lle ofrece o noso mercado laboral. Por iso, simplemente, xa non están entre nós.

Pagar máis da metade dos teus ingresos para acceder a unha vivenda, ter que traballar os dous membros da parella en quendas imposibles por salarios “hiper”mínimos, ou traballar 60 horas para que che coticen media xornada é incompatible con crear unha familia. Procrear é unha heroicidade que non se compensa cunha caixa finlandesa, un cheque benvida ou con propaganda innecesaria en forma de “plan” contratada a empresas amigas sobre a marabillosa experiencia da maternidade.

A propaganda oficial é especialmente ferinte para as mulleres cando, nun contexto no que aturan despidos improcedentes por embarazo ou acoso sexual no traballo, seguen a percibir menos salario por idéntico traballo; cando os patróns -nunca mellor dito- culturais e de comportamento seguen dando por suposto que a parentalidade é un traballo feminino; cando son elas, tantas veces en exclusiva, as que coidan sen recoñecemento ningún das persoas dependentes, mesmo renunciando á súa carreira profesional e sen que ese traballo, unha vez “reaxustada” a lei, sirva para cotizar na Seguridade Social. Tamén, máis aínda, cando se segue exercendo unha violencia machista – alarmantemente vixente na adolescencia ciberdependente– sobre as mulleres ou cando se utiliza o corpo das mulleres como mercadoría.

A desigualdade, cando medra, cébase nos máis vulnerables. Creamos bolsas de exclusión porque a integración seica é para un premio para os perfectos, que, curiosamente, adoitan ser familia dos poderosos. Si, aínda hai clases. Incluídos e excluídas. Discapacidades, culturas distintas, minorías, enfermidades mentais… e tamén parados crónicos, fracasadas escolares, habitantes das marxes, sobrevivientes na xungla urbana. A cultura da pobreza tende a consolidarse e reproducirse, de pais a fillos, de nais a fillas. Só os servizos públicos de calidade e as prestacións e pensións son efectivos para paliar, para coser e cicatrizar as fendas social.

A solidariedade interna, ese cemento moral das sociedades, reséntese. Pero a primeira vítima son os estraños, os outros, os diferentes. É como se nos vacinasen contra o sentimento de vergoña. Acollemos unha parte mínima, ridícula, das familias de refuxiados sirios que nos comprometemos acoller, familias con menores que foxen dunha guerra infame… e non sentimos culpa nin vergoña. Mesmo montamos argumentarios sobre o terrorismo infiltrado ou, en palabras de bispo, sobre que “non todo é trigo limpo”. Pero deberiamos estar avergoñados. Tanto como se os nosos gobernantes admitisen subornos na adxudicación de contratos ou fosen amigos de narcotraficantes. A vergoña é condición da dignidade. Van xuntas. Resistímonos á desvergoña. Temos razóns para indignarnos.

A Igualdade que soñamos non é barata

 Medrar na igualdade non é un soño etéreo. Ten concreción xa, ten expresión social e ten política económica.

Sabemos que é fácil dicirlle ao corpo electoral o que quere oír. Por exemplo, que a igualdade é barata. Pero non é así.

Medrar na igualdade precisa un plan. E un plan non é unha proclama, non son un feixe de slogans, non é unha perrencha opositora. Tampouco non abonda con tomar a rúa, aínda que faga falta empurrar a historia e contrapesar a tendencia dominante coas nosas indignacións. Un plan implica saber como e de onde imos obter os recursos financeiros para construír a igualdade que queremos, para deconstruír a desorde económica e social. Un plan implica facer números e propostas concretas e formular unha fiscalidade máis eficiente e xusta.

Efectivamente, necesitamos unha nova fiscalidade igualadora e unha nova moral fiscal. Non pode ser que o imposto de sociedades pasase dun 21% da recadación total en 2013 a tan só un 13% en 2015. Non pode ser que se lles dea un tratamento tan favorable ás rendas derivadas dos dividendos (cun máximo de tributación do 21%, con independencia do seu volume), comparado co trato dado ás rendas do traballo (que poden acadar o 45%). Non é admisible que 34 das 35 empresas que cotizan no IBEX teñan sedes en paraísos fiscais.

A igualdade que soñamos é unha tarefa

A nosa conciencia fiscal foi medrando. Sabemos agora da gravidade da fraude fiscal e da importancia e inconveniencia de ter un 25% de economía en negro. Tamén de facerlle caneos ao IVE. Pero non nos axuda a mellorar a nosa conciencia fiscal a falta de exemplaridade dos gobernantes, famosos e grandes empresas. Precisamos unha inspección fiscal eficaz e independente do poder político. Que vaia de arriba a abaixo.

E cómpre superar fronteiras. O capital xa as superou ben superadas. As normas que o controlan e regulan van moi por detrás. Non son admisibles os paraísos fiscais, nin a incapacidade das autoridades globais –comezando polas europeas- para harmonizar os tributos que se deben impoñer ás grandes corporacións e para establecer taxas sobre as grandes operacións especulativas de capitais –como a coñecida taxa Tobin- coas que financiar os programas de solidariedade global que o noso mundo precisa, eses que mitigarían os grandes fluxos migratorios de xente famenta ou desesperada. Os representantes do pobo deben ter poder sobre as corporacións multinacionais, e non á inversa.

Estamos diante da revolución da robótica. Os gobernos e os lexisladores deben anticiparse aos seus efectos sobre a clase traballadora e sobre os sistemas de protección, que son os garantes da igualdade. Non podemos permitirnos unha masa de excluídos tecnolóxicos sen futuro nin lugar na sociedade. Os incrementos de produtividade que producen os robots, expulsando man de obra, deben ter a súa propia cotización e tributación fiscal. É tempo de retomar en serio o debate da Renda Básica universal e incondicional. Porque o “traballo” xa non se reduce ao “emprego”. Porque esa renda, en Galicia, unida a incentivos intelixentes á actividade e residencia rural permitiría políticas de reequilibrio demográfico do territorio que son un desafío inaprazable na nosa terra.

Hai moita dignidade e dereitos que lle devolver á clase traballadora, comezando por xornadas e contratos legais e o dereito ao descanso: en sectores feminizados como o comercio, que foi do dereito intocable ao descanso dominical ou da fin de semana, noutrora defendido por sindicatos e igrexas.

Queremos chamar a atención sobre a necesidade dunha clara aposta pola coeducación, por unha educación que non siga reproducindo os estereotipos de xénero, que fomente igualdade e a non violencia, nas familias, nos centros educativos, nos medios de comunicación social ou na Igrexa. A educación precisa un plan, non se pode improvisar.

Haberá máis igualdade, harmonía e inclusión social se hai unha educación pública de calidade, ben dotada en medios, contidos e métodos, cos mellores funcionarios –seleccionados baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade– e motivadora para o alumnado. Esa é a mellor estratexia para romper o fatalismo da reprodución interxeracional da exclusión social e laboral. É a mellor vacina contra a desigualdade.

Cómpre seguirmos defendendo o sistema de sanidade pública que tanto traballo custou erguer. Non é barato. É, por exemplo, incompatible coas bolsas de corrupción, coa distracción de millóns de euros públicos cara aos petos privados dos partidos e ás contas correntes suízas dos gobernantes. Non temos cartos para subornos nin mordidas porque fan falta para quirófanos e doutoras. Cómpre sermos tan rigorosos no control do gasto sanitario como no descontrol da fraude fiscal e da corrupción.

As pensións públicas exerceron durante a crise o papel de principal ferramenta de igualación e compensación das bancarrotas familiares. Foi o principal estabilizador anticíclico. Cómpre, efectivamente, un debate sobre a viabilidade do sistema de pensións, pero non para privatizalo nin recortalo, senón para facelo fiscalmente viable.

Os servizos sociais públicos son a expresión da nosa solidariedade colectiva. Xunto coa acción xenerosa, incisiva e eficaz das organizacións sociais solidarias tecen unha malla de protección para todos aqueles que están en desvantaxe. Non podemos permitirnos un sistema de servizos sociais anémico porque a atención aos menores en risco, ás persoas con discapacidade, ás dependentes, aos individuos e minorías excluídas polas máis diversas razóns son o verdadeiro termómetro da nosa conciencia social.

Non pode haber igualdade se non se fai xa un pacto de estado contra a violencia de xénero, se non se lexisla para erradicar os abusos sobre a muller. Haberá igualdade cando as mulleres poidan camiñar pola rúa sen medo, cando todos os nenos e nenas se sintan seguros no seu fogar, cando calquera muller, independentemente da roupa que vista ou dos seus hábitos sociais, se poida sentir protexida pola xustiza.

Por fin, como comunidade de comunidades cristiás, sabemos que a igualdade comeza pola propia casa. Cómpre construírmos comunidades eclesiais igualitarias, fraternas, sen discriminación de funcións en función de xénero, inclusivas coa diversidade social e de identidades e culturas. Esa é a mellor forma, non hai outra, de comunicar a Boa Nova, facéndoa realidade cada día, desde dentro, desde o concreto, desde a cociña da nosa casa común.

Coordinadora de Crentes Galeg@s