A auga é un dereito! A reivindicación que concello de Vigo e Aqualia desoen

Volvemos ás dependencias de Aqualia na rúa Venezuela, hoxe acompañados dunha forte chuvascada. Guiños do tempo.

Xunto á xente da PAH Vigo Tui-BaixoMiño e de máis colectivos concentrámonos, de novo, diante das portas de Aqualia na rúa Venezuela. Antes de pecharnos nas oficinas de Aqualia berramos cánticos como: Auga para todas! Ningún negocio coas nosas necesidades! Aqualia escoita a auga non se corta! Logo disto entramos no local para pecharnos durante algo máis dunha hora. De modo festivo e non violento, con globos e confeti, esiximos respostas que polo momento negan empresa e goberno municipal.

O lema do acto: A auga é un dereito. Os dereitos non se cortan! pensamos que resume con claridade unhas demandas ben sinxelas:

1 – Datos dos avisos de corte e dos cortes de auga que se producen na cidade.
2 – Cese inmediato dos cortes de auga por impago.
3 – Aprobación dunha ordenanza municipal na que se garanta a subministración, por medio dunha exención para fogares sen recursos suficientes. Quen non ten non paga.

Polo momento, Abel Caballero, David Regades e José María Ardoy (máximo responsable de Aqualia en Vigo) desoen as nosas demandas. Porén somos teimudas, non temos outra saída, e continuaremos loitando para que a auga volva a ser un dereito de todas. Nós falamos de dereitos, eles calan. O máis que fan é anunciar novas esmolas coas que pretenden agochar o saqueo dun ben común por parte desta trasnacional da que Carlos Slim (persoa máis rica do mundo) é máximo accionista.

Abonda xa de negocios coas nosas necesidades! Teito, luz, auga, gas para todas! Renda Básica das iguais e moito máis!

Comparte...Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedInEmail this to someone