Documento da Paz 2015: «Europa, terra de acollida?»

A Coordinadora de Crentes Galegos, no nome da Asemblea de Crentes Galegos, á que pertenece a nosa comunidade, ten redactado, como todos os anos o «Documento da Paz» que poñemos a continuación. Tamen se repartirá ás comunidades e compartira nas celebracions do próximo 30 de Xaneiro que celebraremos o Dia da Paz. Iste é o texto:

A Coordinadora de Crentes Galeg@s, conformada por asociacións da Igrexa de base de Galicia, como vén realizando de forma habitual presenta entorno á celebración do Día da Paz, o seu documento «Europa, Terra de Acollida???», cuns fortes interrogantes, que cuestionan esa afirmación inicial. Parecíanos imprescindible, como fillas e fillos dun Deus que é amor e paz, abordar neste momento esta realidade tan significativa, cuestionadora e ao tempo estimulante, que estamos a vivir.

1.-SOBRE PERSOAS REFUXIADAS
No ano 2014 había no mundo, segundo datos oficiais, 59,5 millóns de persoas desprazadas do seu lugar de orixe, a causa de persecucións, conflitos, violencia xeneralizada, ou violación dos dereitos humanos. Ademais de Siria, atopamos
persoas refuxiadas, entre outros moitos lugares, en Sudán do Sur, República
Centroafricana, Etiopía ou Uganda en África, en Afganistán ou Paquistán,
con conflitos endémicos, en Asia; en Colombia en América Latina; e mesmo
250.000 persoas ucraínas tiveron que refuxiarse en Rusia, na nosa Europa.
Evidentemente sempre houbo e hai millóns de persoas refuxiadas, a
peculiaridade agora é que esas persoas están a chegar a Europa en importante
número. chegan, ademais, a pé, por terra; son, polo tanto, unha realidade que
non podemos evitar ou esconder.

As persoas que afogan no Mediterráneo pásannos a miúdo máis desapercibidas,
ou resultan máis doadas de esquecer acudindo á falsa fatalidade das traxedias
inevitables da mar, pero ante estas non hai traxedia natural que sirva para
xustificarnos. Sorpréndenos tamén, porque en realidade ninguén de nós
esperaba que o impresentable apoio prestado polos países occidentais ao
autócrata sirio, rematara por ter esta tan inesperada consecuencia. Por
todo iso, parecía, que os estados europeos finalmente ían artellar algunha
alternativa razoable, presionados por unha sociedade civil que vai moi por
diante dos seus dirixentes, especialmente no caso de España.

Convén precisar, que o dereito ao refuxio, ao asilo político, é un dereito
humano fundamental, das persoas que teñen que fuxir para evitar a súa
morte. Esta situación é incuestionable no caso das centos de miles de
persoas de orixe sirio, afgán ou doutros lugares que transitan agora polo
leste do noso Continente. O seu dereito impide que establezamos cotas
(aínda que se puxeron), porque en realidade teremos que acollelas a todas.
Pero, non nos asustemos, Europa ou España teñen, temos capacidade para
acoller a moitas persoas (hai que ter en conta que Xordania, un pequeno país
de Oriente Medio, acolle a máis dun millón de refuxiad@s siri@s).
Outra matización, só poderán vir co recoñecemento xurídico da condición de
asilad@s e cos dereitos e axudas económicas que iso implica. Nese sentido,
os estados, neste caso o español, son os responsables únicos e finais desta
realidade. Caberá, sen dúbida a solidariedade ofertada por
tantas persoas, pero será nunha fase posterior, seguramente, e
artellada dende as administracións públicas. De feito nos últimos
anos e a través de Ceuta e Melilla, con pasaportes marroquinos
conseguidos no “mercado negro”, varios miles de persoas sirias xa entraron
no noso territorio.

Por certo, o Estado Español terá que espelirse, porque ata o de agora só tiña
acordadas con ONGs 900 prazas para persoas refuxiadas. Certamente terá
que facer convenios por moitas máis prazas e extender no tempo a axuda
económica que se outorga a estas persoas (426 euros mensuais durante un
período de 6 meses, neste momento). Lamentablemente o Estado Español
apenas concedía o estatuto de refuxiado político a un miserable cento de
persoas anualmente, e iso ten necesariamente que cambiar, como mostra o
incremento no último ano.

As propostas iniciais de Alemaña parecían indicar que íamos asistir a un
proceso relativamente rápido e eficaz dende o punto de vista organizativo
e técnico, pero o proceso tende a ralentizarse cada vez máis, ao tempo que
perde protagonismo nos medios de comunicación. Convén manterse de novo
alerta e reclamar dende a sociedade civil esa rapidez e eficacia que a unión
Europea amosa noutras cuestións.

Os ataques terroristas do 13 de novembro en París, terribles e condenables,
como tantos outros que suceden todos os días en Siria e noutras partes do
Mundo, non deben ser utilizados para frear ou obstaculizar este proceso.
Tampouco para xustificar unha persecución sen garantías legais das persoas
migrantes procedentes de países musulmáns.

2.- SOBRE PERSOAS INMIGRANTES
Pero aquí en España ou en Galicia, viven con nós persoas procedentes doutros
países dende hai tempo. No caso galego, a verdade é que non son moitas,
a penas 100.000 persoas. maioritariamente, ademais de portuguesas, de
procedencia latinoamericana, romanesas (porque son comunitarias e non
teñen atrancos legais) ou marroquinas (con moita tradición entre nós). Outras
nacionalidades, con relativa importancia ademais do resto de comunitarias,
son as persoas senegalesas ou as chinesas. Estas persoas sofren, como no
resto do Estado, unha lexislación de estranxeiría moi dura, que limita os seus
dereitos e que impide na práctica unha entrada legal e razoable ao noso
país. Por certo, como no caso das persoas refuxiadas, as chamadas “mafias”
non son a causa deste tráfico de seres humanos, senón a consecuencia das
limitacións legais que establecemos os gobernos europeos.
As que chegan, se atopan, ou regresan a unha situación de irregularidade
administrativa (as chamadas “sen papeis”) non poden acceder a axudas
sociais de ningún tipo, só poden traballar de forma irregular, e sofren
persecución policial (no ano 2014 houbo, segundo datos do propio
Ministerio do Interior, máis de 40.000 detencións a persoas estranxeiras por
temas de documentación en España, 597 en Galicia -que non son, por certo,
tan poucas-), que poden acabar en ingresos en centros de internamentos de
estranxeiros (peor que cadeas) ou en deportacións masivas. (Curiosamente
o Estado Español, expulsou de forma forzada no ano 2014 a máis de 10.000
persoas, podemos facer oco evidentemente para esas persoas refuxiadas
que nos asignan). No mes de novembro deste ano 2015 o Ministerio do
Interior acaba de renovar o Convenio con Globalia (grupo empresarial
do que forman parte entre outras marcas Air Europa, Swiss Air ou Viaxes
Ecuador) que proporciona a este grupo empresarial 12 millóns de euros
anuais para pagar a deportación dunhas, calculan, 15.000 persoas nos anos
2015 e 2016. Con esa realidade, de xestións de documentacións complicadísimas, axudas asistenciais, mediación policial ou social, etc, traballan acotío as entidades
sociais que defenden os intereses deste colectivo en Galicia e no conxunto do
Estado Español.

Convén que non esquezamos esta realidade, xa presente entre nós, e tan
pouco coñecida. unha perigosa corrente europea anuncia xa que se acollemos
persoas refuxiadas a contrapartida debe ser “tolerancia cero” coa inmigración
económica. Botémonos a tremer, porque en realidade sempre houbo
“tolerancia cero” con estas persoas, ou sexa que resulta difícil pensar que
outros mecanismos poden imaxinar para intensificar a persecución sobre
as mesmas. Cuantifiquemos por certo, tamén, falamos de entorno a medio
millón de persoas no Conxunto do Estado Español e unas 7.000 ou 8.000
persoas en Galicia. Moitas delas con tempo de estancia xa prolongada entre
nós, sufrindo ademais dos atrancos legais e as persecucións policiais, os
nosos racismos. Os racismos das palabras incendiarias, e tamén os máis sutís
das olladas diferenciadoras, as explotacións laborais, os alugueiros abusivos,
os retrasos sistemáticos do alumnado inmigrante no noso sistema educativo,
e tantas outras.

Aínda que evidentemente, como dicíamos máis arriba, temos que acoller a
esas persoas refuxiadas, non só a 15.000 ou 20.000, senón a todas. Non queda
outra, se queremos estar a altura da nosa dignidade como seres humanos
e como fill@s de Deus, como ven de recordarnos de forma certeira o Papa
Francisco.

3.- CONCRETANDO, ALTERNATIVAS E PROPOSTAS
Imos neste apartado comezando do máis xeral ao máis concreto, presentar
unha serie de propostas dirixidas ao conxunto da cidadanía, ao Pobo de
Deus, á nosa xerarquía eclesial e tamén aos nosos dirixente políticos.

1. Derogación da actual Lei de Estranxeiría, que debe substituírse por
unha nova lexislación que sen pretensión de exhaustividade debe polo
menos: facilitar formas razoables de entrada regular no Estado Español;
impedir a persecución do colectivo migrante mediante a despenalización
das situacións de irregularidade administrativa, que deben ser
consideradas meras sancións administrativas; garantir e flexibilizar os
requisitos para que se poida con facilidade restablecer a regularidade
administrativa no caso de perda das autorizacións. Outra lei debe tamén
recoller o dereito de voto deste colectivo.

2. Promoción dunha actuación internacional en Siria e noutros países con
situación similares nas que se priorizen o benestar e os dereitos das
poboacións antes que os intereses político-económico-estrátexicos
dos países occidentais.

3. De cara á poboación con dereito ao refuxio e a nivel europeo unha
actuación fortemente proactiva que permita, a través de consulados
móbiles nos países máis próximos aos conflitos, o recoñecemento do
dereito ao refuxio para todas estas persoas, para que así poidan viaxar
por vías legais e seguras aos seus países de destino. O Estado Español
debe abandeirar esta iniciativa dentro da UE.

4. No Estado Español, o recoñecemento inmediato da condición de persoa
refuxiada para todas as persoas, ás que asista ese dereito, que o soliciten,
establecendo un procedemento, que se extendería a calquera persoa de
calquera lugar, que garanta durante polo menos dous anos un lugar de
residencia digno e uns ingresos mínimos. Durante ese tempo, programas
de inserción e integración socio-laboral e de interculturalidade
coa veciñanza que acolle, deben facilitar procesos de convivencia
intercultural para as persoas que opten por quedar a vivir nas nosas
vilas, aldeas e cidades, pasados eses dous anos.

5. Para o conxunto da Igrexa Europea, Española e Galega, seguindo o
mandato do Papa Francisco, a posta a disposición dos recursos humanos
e materiais precisos para a acollida desta persoas con dereito a refuxio e
tamén para as persoas migrantes residentes. Isto debe concretarse en
cada diocese cun listado detallado de edificios, persoas e recursos que
poden destinarse a estas actuacións.

6. Para a administración autonómica e as administracións locais, o
compromiso de colaborar de forma activa coas cesións dos recursos
materiais e humanos precisos para garantir esa boa acollida das persoas
con dereito a refuxio e tamén o trato non discriminatorio ás persoas
migrantes residentes en Galicia.

7. Para o conxunto da cidadanía e para @s fill@s de Deus, de forma
especial, o que xa estamos a facer: ofrecer espazos, tempo e medios para
facilitar esa boa acollida. Un exemplo concreto, nunha comunidade en
Compostela están a artellar a petición para que a Casa Parroquial
en desuso sexa un espazo de acollida para unha ou dúas familias,
co compromiso de asumir dende a comunidade os gastos derivados
do seu mantemento. Un pequeno e magnifico exemplo. En todo caso,
parece que o noso papel fundamental será o de colaborar de forma
activa e participar nos procesos de promoción da interculturalidade
que deben acompañar esta acollida inicial no medio e longo prazo. Ese
é o reto que temos por diante, despois de acoller, temos que empezar
a convivir con respecto e tolerancia. Aquí si que a nosa participación
activa e positiva resultará, resulta xa para co colectivo migrante
residente, imprescindible.
Quixemos neste Documento propoñer unha serie de actuacións diantedun reto que
dicíamos ao principio debe ser estimulante para tod@s. O reto de construír de forma solidaria unha sociedade aberta e intercultural, na que todas as persoas independentemente da nosa procedencia vexamos recoñecidos os nosos
dereitos e poidamos vivir en paz. Así sexa.

COORDINADORA DE CRENTES GALEG@S