Reflexionamos sobre consumo consciente

Este sábado preto dun centenar de persoas asistimos na parroquia á charla-obradoiro: «Consumo consciente para un mundo máis xusto», na que os produtores ecolóxicos Belén Fervenza e Jacobo Ojea, da Horta de Cadaval, nos axudaron a reflexionar acerca dos nosos hábitos de consumo no eido da alimentación e nos animaron a ir dando pasos cara un consumo cada vez máis coherente como parte do noso compromiso político-social.

A xornada comezou cun traballo en grupos en torno a dous aspectos: primeiro revisamos o contido e o prezo da nosa cesta da compra cotiá e despois buscamos argumentos a favor e en contra de mercar productos ecolóxicos.

Tras unha breve posta en común, Jacobo e Belén nos falaron do que eles entenden por consumo consciente e das principais razóns polas que este constitúe un aspecto imprescindible do compromiso por un mundo sostible e máis xusto. Xa como remate, intercambiamos impresións sobre as alternativas para consumir dun xeito cada vez máis responsable.

Finalmente compartimos un tempo de charla máis informal en torno aos alimentos ecolóxicos que elaboraran Belén e Jacobo, e tamén Jorge, outro amigo e produtor ecolóxico que asistiu ás xornadas.